CRÓNICA | Non puido ser (3-7)

O Barcelona vence no Pazo a un Liceo que loitou ata o final.
DSC-7607

Imaxe: HOCKEY GLOBAL (Mónica Arcay).

Non puido ser. O Deportivo Liceo caeu ante un acertado Barcelona que colleitou un triunfo nun partido clave (3-7) polo título da OK Liga. Alónxase así o liderado da competición, agora a 3 puntos de distancia, pero aínda con 12 xornadas por disputar.

A intensidade foi máxima desde o principio, como cabía agardar. O Barcelona non puido evitar canalizala a través de demasiadas faltas, tantas como cinco nos primeiros cinco minutos, pero foi o primeiro en golpear. Foi Hélder Nunes cun disparo lonxano, que posteriormente replicou en forma e fin. 0-2 a falta de 19 minutos para o descanso. Sen dúbida, un inicio problemático para o Liceo.

Aínda así, o equipo de Juan Copa non lle perdeu a cara ó partido. Atacou a pesar da boa defensa culé e das boas intervencións de Aitor Egurrola, que completou un partido moi seguro. Os verdiblancos gozaron de dúas faltas directas e un penalti que tornaron no 1-2, obra de Jordi Adroher. A resposta do Barcelona foi inmediata, co 1-3 dúas xogadas despois.

Tampouco trouxo boas novas o inicio da segunda metade. Matías Pascual colocou o 1-4 e Jordi Adroher viu o cartón azul, pero Grau detivo a falta directa resultante para tapar a herida. Fabri Ciocale tivo un man a man para recortar distancias, pero Egurrola alzouse novamente para neutralizalo. A 15 do final, Pau Bargalló ampliou a vantaxe culé a 1-5. Continuou loitando o equipo liceísta, que foi capaz de recortar distancias (2-5) mediante o stick de Dava Torres. Hélder Nunes completou o seu hat trick particular de penalti, pero Adroher respondeu cunha falta directa. 3-6 a falta de 6 minutos. A pesar diso, a derrota estableceuse nun 3-7.

Coa cabeza ben alta e con ganas de loitar ata o final, o Deportivo Liceo prepárase desde este mesmo momento para unha nova proba: a visita ó Mataró.

FICHA TÉCNICA

DEPORTIVO LICEO: Carles Grau, César Carballeira, Franco Platero, Dava Torres, Jordi Adroher (quinteto inicial), Roberto Di Benedetto, Marc Grau, Fabri Ciocale e Maxi Oruste.

FC BARCELONA: Aitor Egurrola, Pau Bargalló, Pablo Álvarez, Hélder Nunes, Sergi Panadero (quinteto inicial), Matías Pascual, Sergi Llorca, Nil Roca, Rodrigues e Ignacio Alabart.

GOLES: 0-1 (Hélder Nunes, min. 6). 0-2 (Hélder Nunes, min. 7). 1-2 (Jordi Adroher, min. 24). 1-3 (Pablo Álvarez, min. 24). 1-4 (Matías Pascual, min. 27). 1-5 (Pau Bargalló, min. 35). 2-5 (Dava Torres, min. 41). 2-6 (Hélder Nunes, min. 43). 3-6 (Jordi Adroher, min. 44).

ÁRBITROS: Sánchez García e Sandoval Santos. Mostraron cartón azul ó local Jordi Adroher e ó visitante Sergi Panadero.

INCIDENCIAS: Partido correspondente á xornada 18 da OK Liga 20/21. Pazo dos Deportes de Riazor, porta pechada.

Share on facebook
Share on twitter
Share on linkedin
Share on pinterest

Deixa un comentario