A OK Prata volve á acción nas súas modalidades feminina e masculina

A OK Prata volve á acción nas súas modalidades feminina e masculina

Imaxe: Bybirbo (Iria Roma).

Tras sendas etapas de parón competitivo, o día 10 de abril non só significará o segundo partido de Liga Europea para o primeiro equipo masculino. Tamén regresarán as modalidades feminina e masculina da OK Prata, ambas con representación liceísta.

Visita do Rochapea

O Deportivo Liceo volverá á primeira delas tras disputar o seu último partido o pasado 27 de marzo (con contundente vitoria por 0-9 fronte ó Gatikako Iusturi). Será o mencionado sábado día 10 (19:00h) coa visita do UDC Rochapea, quinto clasificado dos sete equipos que forman esta competición de recente creación. O partido será retransmitido por Torre de Marathón.

O número impar de participantes provocará, precisamente, que as liceístas deban afrontar a súa xornada de descanso unha vez rematado este compromiso. Regresarán á acción o 24 de abril. Actualmente, o equipo ocupa a terceira posición da clasificación con sete puntos de nove posibles.

Regreso ó Grupo Norte tres semanas despois

Por outra parte, o filial masculino volverá ó Grupo Norte da OK Prata despois dun descanso maior. Concretamente dunha semana máis de duración, comezado o 20 de marzo cando o equipo dirixido por Stanis García empatou contra o potente Manlleu (1-1). Agora visitarán ó HC Sant Just (20:00h) co obxectivo de alongar a súa posición na parte alta da táboa. O Deportivo Liceo ocupa a sexta praza con 28 puntos, catro máis con respecto ó perseguidor Tordera e doce máis có Areces, oitavo.

Deixa un comentario