CRÓNICA COPA DO REI (Semifinal) | A un partido do título (1-2)

CRÓNICA COPA DO REI (Semifinal) | A un partido do título (1-2)

César Carballeira pugna con Vargas nun lance da semifinal. Imaxe: DAVID VALIENTE.

O Liceo sempre está aí. Polo momento, unha final máis para o historial. O triunfo ante o Voltregà nas semifinais desta Copa do Rei foi unha nova demostración de resistencia. Juan Copa e os seus xogadores loitarán polo undécimo entorchado mañá domingo ás 12:30h, ben contra o Barça ou contra o Reus Deportiu.

Ante un conxunto hoxe de negro con Sito Ricart como descarte, Jordi Burgaya (ex e campión de OK Liga) animou os primeiros minutos de xogo. As dúas oportunidades iniciais do compromiso foron súas, aínda que improductivas, e deron paso a uns intres sen demasiada acción. Polo menos ata que chegou o duodécimo.

Aleix Molas, do Voltregà, foi expulsado con cartón vermello directo no minuto 12 de partido

Nese momento, os colexiados decidiron expulsar con vermello directo a Aleix Molas (Voltregà) por un golpe de stick a César Carballeira. Protestas aparte, Àlex Rodríguez non foi quen de aproveitar a falta directa resultante. Dava Torres, durante a superioridade numérica temporal, arreglouno. Rematou un pase de Arnau Canal e, aínda que con suspense, a bóla entrou na portería de Estrada (0-1, minuto 13).

Un Voltregà resiliente

Este dobre golpe non desmoralizou ós homes de branquiazul, apoiados no Joan Ortoll por unha gran representación de afeccionados. Os responsables da eliminación do Noia pelexaron a pesar de todo.

Primeiro avisaron cun disparo de Gerard Teixidó ó ferro. Logo fixéronno realidade co gol do dorsal 21 catalán, tras un penalti cometido por Bruno sobre el mesmo (minuto 20). Quedaba moito por dicir.

Resistencia e intelixencia para gañar

Para o Liceo, o que quedaba era moito por cavar. Incluso despois de que os xuíces decretaran un penalti favorable ós dous minutos da reanudación. O fallo de César e o de Pol no rexeite mantiveron o empate, polo menos ata que Àlex Rodríguez acudiu ó rescate. Como contra o Caldes. Recibiu no costado esquerdo, disparou cruzado (tamén como nos cuartos de final) e colocou o 1-2 (minuto 31).

Por outro lado apareceu Martí Serra, chave nun intre crítico como foi a pena máxima posterior lanzada por Teixidó. Parou o lanzamento e o rexeite. Tamén os intentos dun Voltregà totalmente entregado á súa causa que acabaría caendo con honra, sen acusar o lóxico desgaste físico potenciado pola ausencia dunha rotación.

As últimas intencións dos branquiazuis, con cinco xogadores de pista buscando o empate, tampouco foron suficientes. O Deportivo Liceo resistiu e chamou á porta da final.

FICHA TÉCNICA

VOLTREGÀ: Miquel Estrada; Eric Vargas, Jordi Burgaya, Aleix Molas, Gerard Teixidó (quinteto inicial), Lluc Sitjà, Dídac Alonso, Xavi Armengol, Humbert Serra e Javi Sánchez (meta suplente).

DEPORTIVO LICEO: Martí Serra; Bruno Di Benedetto, César Carballeira, Dava Torres, Àlex Rodríguez (quinteto inicial), Pol Manrubia, Fabri Ciocale, Fran Torres, Arnau Canal e Mati Bridge (meta suplente).

ÁRBITROS: Mayor Oliván e Barba Gómez-Álvarez. Expulsaron con cartón vermello directo a Aleix Molas, do Voltregà.

GOLES: 0-1 (Dava Torres, min. 13). 1-1 (Gerard Teixidó, de penalti, min. 20). 1-2 (Àlex Rodríguez, min. 31).

Copa do Rei 2023, Semifinal. Pavelló Joan Ortoll (Calafell).

Deixa un comentario