CRÓNICA | A tolemia cae do lado do Vendrell (5-4)

CRÓNICA | A tolemia cae do lado do Vendrell (5-4)

Imaxe: Mónica Arcay.

O caos non trouxo beneficio. Nun encontro cheo de anécdotas e incidencias, o Deportivo Liceo caeu fronte ó CE Vendrell por 5-4 e dificultou as súas posibilidades de achegarse ó liderado. O conxunto coruñés continúa con 67 puntos, sete menos có primeiro clasificado cun partido disputado menos e con catro restantes para o final da OK Liga.

A táctica do Vendrell na acción, polo menos no inicio, foi clara. Disparos lonxanos que obrigaron a traballar a Carles Grau, capaz de desviar todos e cada un deles. Permitiu ós locais, arroupados por algo menos de 400 espectadores, manter a autoridade do seu ataque. O que golpeou primeiro foi o Liceo no octavo minuto, grazas a un disparo potente de Di Benedetto que sorprendeu a Shehda. A ledicia durou pouco. Escala, na xogada posterior, foi quen de empatar.

A este minuto de tolemia sucedeulle un xogo equilibrado. As ocasións repartíronse. A máis clara foi para o Vendrell, nun man a man do propio Escala que neutralizou ben Grau. O goleador Di Benedetto replicou a acción, pero tampouco atopou a rede. O 1-1 campou ó descanso, xunto a un 8-8 en faltas.

Alta intensidade e estrañas decisións arbitrais

Máis forte foi o comezo do segundo acto. Tras unha intervención do meta do Liceo, Di Benedetto contou con tres oportunidades que Shehda detivo de forma excelente. O perigo trasladarase ós atacantes verdibrancos, pero a roca que foi o Vendrell continuou dura.

Con 9-9 en faltas, a directa para algún dos dous era cuestión de tempo. Chegou para o Vendrell, pero tras unha infracción de Franco Platero na que o arxentino viu un discutible cartón azul. Ós 31 minutos, Pablo del Río adiantou ó seu equipo na falta directa resultante.

Imaxe: Mónica Arcay.

Tempo para a décima falta do Vendrell. A directa coruñesa ía ser para Adroher, pero antes do lanzamento viu outra estraña e inexplicable azul. Shehda detivo a definición de Dava Torres, o seu sustituto na misión. Tampouco rematou dentro a acción froito da décima infracción visitante.

O partido trocou en tolemia, e para mostra o que ocorreu despois. Roberto Di Benedetto anotou o 2-2, pero os colexiados mostráronlle o cartón azul trala celebración noutra decisión insólita. A partir deste momento reinou unha relativa calma, pero finalizou cando restaban oito minutos de xogo. Primeiro anotou Xavi Crespo, do Vendrell, para establecer un 3-2 que viviría pouco. César Carballeira, de penalti, puxo o 3-3 dúas xogadas despois.

O Deportivo Liceo viu tres cartóns azuis de difícil explicación.

En dous, pero minutos, o francés Di Benedetto colocou por diante ó cadro de Juan Copa (3-4) ó perforar a rede de Shehda tras unha xogada individual. Non foi suficiente para gañar. Os locais lograron empatar primeiro cun golazo de Escala e vencer despois mediante unha falta directa de Pablo del Río, desatando a tolemia no Pavelló.

O Deportivo Liceo disputará o sábado 1 de maio (20:00h) o seu segundo partido pendente, esta vez contra o CH Palafrugell.

FICHA TÉCNICA

CE VENDRELL: Álvaro Shehda, Lluís Ferrer, Joan Escala, Emanuel Necchi, Fran Fernández (quinteto inicial), Pablo del Río, Xavi Crespo, Gerard Miquel e Roc Llisa.

DEPORTIVO LICEO: Carles Grau, César Carballeira, Dava Torres, Roberto Di Benedetto, Fabri Ciocale (quinteto inicial), Jordi Adroher, Marc Grau, Maxi Oruste e Franco Platero.

ÁRBITROS: Buixeda Gallart e Nicolás Abellán. Mostraron cartón azul ós visitantes Franco Platero, Jordi Adroher e Roberto Di Benedetto.

GOLES: 0-1 (Roberto Di Benedetto, min. 8). 1-1 (Joan Escala, min. 8). 2-1 (Pablo del Río, min. 31). 2-2 (Roberto Di Benedetto, min. 35). 3-2 (Xavi Crespo, min. 42). 3-3 (César Carballeira de penalti, min. 42). 3-4 (Roberto Di Benedetto, min. 44). 4-4 (Joan Escala, min. 48). 5-4 (Pablo del Río, min. 50).

INCIDENCIAS: Xornada 24 da OK Liga 20/21, no seu día aprazada por motivos sanitarios. Pavelló do CE Vendrell.

Deixa un comentario