6 de xuño de 2025
O Liceo exhibe ó máximo o seu instinto de supervivencia, forza a prórroga a falta de tres segundos grazas a Dava e César e logra o triunfo co gol definitivo de Nil Cervera.
Supera ó Reus nas semifinais pola vía rápida e enfrontarase ó Barcelona nas finais.
ADN Liceo ó bestia para finiquitar un partido histórico e o pase ás finais pola OK Liga. O Liceo de Juan Copa semellaba morto, pero hai que matalo varias veces para que deixe de moverse. Resucitou unha vez máis de entre as cinzas para superar ó Reus e abrirse paso a patadas hacia a serie definitiva, que terá ó Barcelona como rival (tamén ó mellor de cinco encontros).
Esta, pola súa banda, foi a un escenario novo como o Palau d’Esports; aínda que o guión que ofreceu no seu terceiro partido (polo menos no principio) xa se vira antes. Foi moi semellante ó primeiro, cun toma e daca entre ambos equipos. Golpeou primeiro Bruno Saavedra para o Liceo, que recolleu a bóla no costado dereito para colocala rasa no pau longo de Càndid Ballart. Corría o segundo minuto, e no terceiro empatou Martí Casas aproveitando outra morta na área de Martí Serra.
Unha primeira de igualdade
Chegou entón o protagonismo das tarxetas azuis, ambas con incidencia no marcador. Viuna primeiro o mencionado goleador do Reus, que mandou sen éxito a Ferruccio ó punto da directa. O Liceo si puido aproveitar a superioridade resultante, ó rematar Dava Torres unha boa contra de tres para un (1-2, minuto 12). A primeira das súas dúas dianas da noite.
O Liceo debeu sobrepoñerse a un Palau d’Esports cheo de afeccionados locais
Bruno Saavedra, esta vez cos visitantes como vítimas, recibiu pouco antes do descanso un novo cartón. Martí Casas non foi quen de transformar o lanzamento, pero a superioridade de dous minutos volveu sorrir ó seu beneficiario. Foi o mesmo dorsal 18 quen volveu igualar, esta vez cun disparo lonxano potente (2-2).
O Reus, superior na segunda, non foi quen de matar ó Liceo
O patrón de xogo cambiou ó regresar os dez xogadores á pista do Palau. Foi o momento dos de Jordi Garcia, que avisaron cun gol anulado ós tres minutos debido a unha falta previa. Tras un tempo morto, foi finalmente o capitán local Joan Salvat quen puxo por diante ó Reus por primeira vez en todo o encontro.
Os de vermello e negro volverían anotar (4-2) mediante o mesmo Salvat, e iso que antes contaran con dúas grandes oportunidades para logralo. Foron tres faltas directas: unha froito dunha azul a Ferruccio, outra pola décima infracción do Liceo e unha última tras outra tarxeta a Nil Cervera. Todas foron neutralizadas por un colosal Martí Serra, pero o tanto mencionado do capitán local chegaría na inferioridade desta última.
Unha xogada para a historia deixou o empate de Dava a falta de tres segundos, previa recuperación antolóxica de César
Entón, a tolemia. O Liceo empezou a chamar á porta cando Xaus marcou o 4-3 a falta de seis minutos e incluso puido empatar con outra directa que pegou no pau. Os de Copa saíron con cinco de pista para agotar tódolos recursos. Nunha desas xogadas, o Reus robou e avanzou con portería baleira só para que un César omnipresente dera todo para impedilo. Quedaban dez segundos. E empatou Dava cando quedaban tres. Prórroga, gol de Nil Cervera e resistencia para gañar. Unha xesta máis dos de verde e branco.
FICHA TÉCNICA
REUS DEPORTIU: Càndid Ballart; Joan Salvat, Maxi Oruste, Marc Julià, Martí Casas (quinteto inicial), Ferran Giménez, Diego Rojas, Carles Casas, Guillem Jansà e Nil Viña (meta suplente).
DEPORTIVO LICEO: Martí Serra; Arnau Xaus, César Carballeira, Dava Torres, Bruno Saavedra (quinteto inicial), Nil Cervera, Jacobo Copa, Fabri Ciocale, Tato Ferruccio e Martín Rodríguez (meta suplente).
ÁRBITROS: David Cantos e Albert Barba. Mostraron tarxeta azul ós locais Martí Casas e Marc Julià. No Deportivo Liceo víronna Bruno Saavedra (en dúas ocasións), Tato Ferruccio e Nil Cervera.
GOLES: 0-1 (Bruno Saavedra, min. 2). 1-1 (Martí Casas, min. 3). 1-2 (Dava Torres, min. 13). 2-2 (Martí Casas, min. 23). 3-2 (Joan Salvat, min. 32). 4-2 (Joan Salvat, min. 42). 4-3 (Arnau Xaus, min. 44). 4-4 (Dava Torres, min. 50). 4-5 (Nil Cervera, min. 53).
INCIDENCIAS: Playoffs polo título da OK Liga 24/25. Partido 3 de Semifinais. Palau d’Esports de Reus.