A entrada do novo 2023 vén da man dun gran evento. A WSE Champions League ponse en marcha desde este xoves 26 de xaneiro e o Deportivo Liceo será un dos 16 equipos que loitarán polo galardón europeo por excelencia. Juan Copa e os seus xogadores comezarán este duro pero apaixonante camiño no Pavilhão Dr. Salvador Machado do Oliveirense (22:00h, hora española).
Será a inauguración da fase de grupos, co Liceo situado no A xunto ó Benfica, o Calafell e o mencionado conxunto de Oliveira de Azeméis. Un total de seis partidos determinarán ós dous clasificados para as eliminatorias definitivas.
A folla de ruta verdibranca será a seguinte (horas suxeitas a cambios de última hora):
- UD Oliveirense – Deportivo Liceo | Xornada 1 | 26 de xaneiro | 22:00h (España)
- Deportivo Liceo – SL Benfica | Xornada 2 | 9 de febreiro | 21:00h
- Calafell – Deportivo Liceo | Xornada 3 | 23 de febreiro | 20:30h
- Deportivo Liceo – Calafell | Xornada 4 | 9 de marzo | 21:00h
- SL Benfica – Deportivo Liceo | Xornada 5 | 23 de marzo | 21:00h (España)
- Deportivo Liceo – UD Oliveirense | Xornada 6 | 13 de abril | 21:00h
Este primeiro partido da WSE Champions League poderase seguir en directo vía streaming grazas a europe.worldskate.tv.
Ante unha das potencias do hockey portugués
Falar da UD Oliveirense, gañadora dunha WSE Continental Cup e dunha WS Europe Cup, é facelo dun dos clubes máis importantes dentro do panorama europeo.
![](https://www.hockeyclubliceo.com/wp-content/uploads/2022/04/DSC_5806.jpg)
![](https://www.hockeyclubliceo.com/wp-content/uploads/2022/04/DSC_5806.jpg)
Os de Oliveira de Azeméis son os actuais sextos clasificados da liga portuguesa, por detrás de auténticos trasatlánticos como Benfica, Porto ou Sporting. O equipo dirixido por Paulo Pereira chegará a esta importante cita cunha boa racha na competición doméstica: tres triunfos de modo consecutivo logrados, entre outros, grazas a exliceístas como Franco Platero ou Jordi Adroher.
Lista de convocados
Juan Copa, pola súa parte, terá dispoñible á totalidade do seu plantel para intentar sumar os tres primeiros puntos dentro desta WSE Champions League. De todos modos, o límite de dez xogadores para a convocatoria provocará que Fran Torres quede fóra da mesma.
Formarán parte da lista, en consecuencia, os seguintes nomes: Martí Serra, Mati Bridge, Sito Ricart, Bruno Di Benedetto, César Carballeira, Pol Manrubia, Dava Torres, Fabri Ciocale, Àlex Rodríguez e Arnau Canal.