CRÓNICA | Triunfo para a lembranza (3-2)

CRÓNICA | Triunfo para a lembranza (3-2)

Imaxe: HOCKEY GLOBAL (Mónica Arcay).

O Deportivo Liceo superou un sinfín de dificultades, mérito dun correoso Voltregà, para asinar o seu pase ás semifinais da Copa do Rei 2021.

Digno da cita e do contexto, o Liceo de Juan Copa ofreceu as súas mellores prestacións. Dominou a acción e permitiu pouco respiro a un colosal Blai Roca, meta dun Voltregà por momentos afogado, pero sólido e perigoso. O gol era cuestión de tempo, así que chegou en forma de falta directa para ledicia do millar de afeccionados presentes no Pazo dos Deportes. Foi de Jordi Adroher, que transformou o seu intento no 1-0.

As oportunidades verdibrancas non se detiveron. Marc Grau e Franco Platero rozaron o segundo, pero o conxunto de Manolo Barceló non se deu por derrotado. Gerard Teixidó, desde posición lonxana, enviou a bóla ó ferro de Carles Grau no que foi a ocasión visitante máis destacada. Non trocou o dominio xeral nin o marcador, que chegou 1-0 ó descanso.

Un Voltregà sólido

A pesar do guion inicial, o segundo acto non foi moi afortunado para os intereses liceístas. Arnau Canal empatou o partido de penalti cando só pasaran dous minutos, aínda que o Liceo non se amedrentou. Cada equipo errou sendas oportunidades a bóla parada, dous no caso do Voltregà, antes de que o partido se equilibrara.

Imaxe: HOCKEY GLOBAL (Mónica Arcay).

Con sufrimento para ambos, o que logrou restaurar a súa vantaxe foi o Deportivo Liceo mediante Roberto Di Benedetto (minuto 38). O seu disparo tocou en Blai Roca e posteriormente na rede. Xusto o que necesitaban os locais, que tamén recuperaron o dominio, pero Roger Font empatou para os branquiazuis a falta de catro minutos para a fin. A prórroga foi unha realidade.

Coraxe ante a dificultade

A prolongación foi a tolemia. Tras unha primeira parte igualada, a segunda trouxo unha sucesión de emocións que pareceron tocar límite co 3-2 favorable ó Liceo, obra de César Carballeira a falta de doce minutos.

Todo puido cambiar cando o Voltregà gozou dunha falta directa cando restaban tres segundos. Carles Grau salvou a papeleta extraordinariamente para mandar ós de Juan Copa ás semifinais. Agarda o Caldes (sábado 12, 17:00h).

FICHA TÉCNICA

DEPORTIVO LICEO: Carles Grau, César Carballeira, Dava Torres, Roberto Di Benedetto, Maxi Oruste (quinteto inicial), Franco Platero, Jordi Adroher, Marc Grau e Fabri Ciocale.

CP VOLTREGÀ: Blai Roca, Eric Vargas, Gerard Rovira, Marc Palazón, Arnau Canal (quinteto inicial), Gerard Teixidó, Aleix Molas, Roger Font e Humbert Serra.

GOLES: 1-0 (Jordi Adroher, min. 7). 1-1 (Arnau Canal, de penalti, min. 27). 2-1 (Roberto Di Benedetto, min. 38). 2-2 (Roger Font, min. 46). 3-2 (César Carballeira, min. 58).

ÁRBITROS: Sánchez García e De la Hera Jáudenes. Mostraron cartón azul a Marc Palazón por parte do Voltregà.

INCIDENCIAS: Copa do Rei 2021, cuartos de final. Pazo dos Deportes de Riazor.

Deixa un comentario