CRÓNICA #WSEChampionsLeague (X10) | A tolemia foi para o Liceo (7-6)

CRÓNICA #WSEChampionsLeague (X10) | A tolemia foi para o Liceo (7-6)

27 de febreiro de 2025


Ferruccio anotou o gol decisivo para os liceístas. Imaxe: MANU BOUTUREIRA.

O Liceo vence ó Trissino e xa espera ó Barcelos nos Cuartos de Final.

Tolemia absoluta con cor verdibranca. A do Deportivo Liceo, que deixa atrás a Fase de Grupos da Champions para afrontar os seus Cuartos de Final. Só quedaba saber contra quen e esa dúbida tamén se resolveu: tras rematar o Grupo A será o Barcelos o rival contra o que Juan Copa e os seus xogadores buscarán a Final 4. A ida será con Riazor como anfitrión o próximo 27 de marzo.

Tampouco era un paseo polo parque para o Trissino, oponente da tarde-noite, todavía pendente da súa clasificación final neste Grupo B. Diso e dos partidos do A dependería o rival da seguinte fase.

Imaxe: MANU BOUTUREIRA.

Por iso, cando César marcou o 1-0, a reacción italiana debeu ser inmediata. O 5 liceísta sacou un gran reverso que pegou no ferro e nun xogador visitante para logo entrar (minuto 5). Pouco despois chegou o empate, obedecendo á necesidade dos de Tiago Sousa. Jordi Méndez, moi atento no segundo pau, enviou ó fondo da rede o que sería o 1-1 parcial.

Dous equipos con ambición

Só foron as dúas primeiras dianas das 13 que vería o Pazo. A segunda para o Trissino tivo a sinatura de Alvarinho Morais, hábil ó transformar a directa froito dunha discutible tarxeta azul a Xaus. Triunfo momentáneo que non duraría moito, posto que chegou unha das numerosas remontadas protagonizadas por ambos equipos.

Imaxe: MANU BOUTUREIRA.

Esta vez foi a do Liceo, que igualou grazas a un man a man de Bruno Saavedra. Máis tarde, a falta dun só segundo para o entretempo, Dava Torres colou unha bóla sorpresiva desde detrás da portería de Zampoli para poñer o 3-2 que chegaría ó asueto.

Apareceu a tolemia

Mentres o Liceo non paraba de sumar goleadores diferentes, nos italianos acaparaba case todos Jordi Méndez. El foi o responsable do 3-3 e o 3-4, oficializando unha nova remontada no partido. Como non hai dúas sen tres, apareceu outra do Liceo grazas a Xaus (directa tras décima infracción) e Nil Cervera. Fabri Ciocale sumouse á festa co 6-4.

Entón apareceu de novo Méndez e, posteriormente, Giulio Cocco para igualar outra vez. Seis tantos para ambos. O decisivo foi do Tato Ferruccio, oportuno ó rematar un pase da morte de Dava Torres para pechar o encontro e recuperar o olfato goleador. Sete anotadores diferentes. Todo foron boas novas unha vez os árbitros portugueses decretaron o final deste reparto de golpes.

Mente agora na Copa do Rei, que o venres 7 enfrontará ó Liceo co Igualada no Joan Ortoll de Calafell. Cuartos de Final.

FICHA TÉCNICA

DEPORTIVO LICEO: Martí Serra; Nil Cervera, Arnau Xaus, César Carballeira, Dava Torres (quinteto inicial), Jacobo Copa, Fabri Ciocale, Bruno Saavedra, Tato Ferruccio e Martín Rodríguez (meta suplente).

TRISSINO: Stefano Zampoli; Andrea Malagoli, João Pinto, Jordi Méndez, Davide Gavioli (quinteto inicial), Giulio Cocco, Geoele Piccoli, Reinaldo García, Alvarinho Morais e Bruno Sgaria (meta suplente).

ÁRBITROS: Fernando Vasconcelos e Carlos Correia (Portugal). Mostraron tarxeta azul a Arnau Xaus por parte do Deportivo Liceo.

GOLES: 1-0 (César Carballeira, min. 5). 1-1 (Jordi Méndez, min. 9). 1-2 (Alvarinho Morais, min. 17). 2-2 (Bruno Saavedra, min. 18). 3-2 (Dava Torres, min. 25). 3-3 (Jordi Méndez, min. 34). 3-4 (Jordi Méndez, min. 37). 4-4 (Arnau Xaus, min. 38). 5-4 (Nil Cervera, min. 39). 6-4 (Fabri Ciocale, min. 39). 6-5 (Jordi Méndez, min. 41). 6-6 (Giulio Cocco, min. 42). 7-6 (Tato Ferruccio, min. 47).

INCIDENCIAS: Xornada 10 da WSE Champions League 24/25, Fase de Grupos. Pazo dos Deportes (A Coruña).

Deixa un comentario