CRÓNICA #CopaOK (Cuartos de Final) | Épica e a semis (5-4)

CRÓNICA #CopaOK (Cuartos de Final) | Épica e a semis (5-4)

7 de marzo de 2025


Un golazo de Dava Torres a falta de catro segundos decide un partido realmente igualado.

Exercicio tremendo de forza e vontade para un Liceo que xa está en semifinais da Copa do Rei tras un partido de menos a máis en canto a emoción. O equipo de Juan Copa venceu finalmente ó Igualada con remontada incluida e despois de recibir varios golpes, así que o Reus será o rival da seguinte loita.

Todo comezou como se esperaba: con dous equipos moi ben prantados no inicio. Galegos e cataláns non ofreceron un comezo moi rico en ocasións. Tardarían en chegar, pero fixérono. Nove minutos tiveron que pasar para que o gol inaugural aparecese no marcador do Joan Ortoll, obra de Dava Torres, poderoso ó recibir a bóla en media pista, conducila e enviala ó fondo da rede de Guillem Torrents. O protagonista absoluto do encontro.

O Igualada sumou un gol ilegal

Os de Marc Muntané tiñan que reaccionar. Avisaron cun importante achegamento no que o pau de Martí Serra, e el mesmo despois, evitaron o empate. Algo que non ocorreu no minuto 18, cando Joel Roma se encargou de executar unha boa contra por parte do Igualada.

Os visitantes de hoxe remontaron pouco despois, non sen polémica. O propio Roma, nun disparo lonxano doutro compañeiro dende pista propia, rematou coa man esquerda para superar ó meta liceísta. Os árbitros, incomprensiblemente, validaron a acción. Afortunadamente, non tardou en chegar o 2-2 co que se chegou ó descanso, con responsabilidade de novo para Dava Torres ó transformar un claro penalti cometido sobre o Tato Ferruccio.

Decidiu o ADN

Cañadillas, xa no segundo acto, golpeou co 2-3 para esixirlles ós de Juan Copa un punto máis dentro dun sector crítico da acción. A resposta, inmellorable: un empate 28 segundos despois (3-3). Foi de Xaus, con fortuna, pero con igual validez.

Entraron entón en xogo as faltas: 7 a 9 acabou marcando o electrónico na recta final, pero a directa para o Liceo chegou por unha azul a Rouzé. O mencionado Xaus non puido superar a Torrents, algo que si logrou o Tato Ferruccio cun golazo en superioridade. Joan Ruano, tres minutos despois, igualou de novo para que todo parecese encamiñado a unha prórroga. Dava Torres non tiña a mesma idea. Cun golazo lonxano espectacular, a falta de 4 segundos exactos de xogo, deulle o pase aos coruñeses.

FICHA TÉCNICA

DEPORTIVO LICEO: Martí Serra; Nil Cervera, Arnau Xaus, César Carballeira, Dava Torres (quinteto inicial), Jacobo Copa, Fabri Ciocale, Bruno Saavedra, Tato Ferruccio e Martín Rodríguez (meta suplente).

IGUALADA: Guillem Torrents; Marc Rouzé, Joan Ruano, Roger Bars, Marc Carol (quinteto inicial), Biel Llanes, Joel Roma, Edu Fernández, Miguel Cañadillas e Ferran Busquets (meta suplente).

ÁRBITROS: David Cantos Bonales e Alberto Pérez Pérez. Mostraron tarxeta azul a Marc Rouzé por parte do Igualada.

GOLES: 1-0 (Dava Torres, minuto 9). 1-1 (Joel Roma, min. 18). 1-2 (Joel Roma, min. 19). 2-2 (Dava Torres de penalti, min. 20). 2-3 (Miguel Cañadillas, min. 40). 3-3 (Arnau Xaus, min. 40). 4-3 (Tato Ferruccio, min. 46). 4-4 (Joan Ruano, min. 48). 5-4 (Dava Torres, min. 50).

INCIDENCIAS: Cuartos de Final da Copa do Rei 2025. Pavelló Joan Ortoll (Calafell).

Deixa un comentario