30 de maio de 2025
César anotou o único gol da tanda de penaltis, suficiente para que o Liceo levara o encontro. Imaxe: MANU BOUTUREIRA.
O Liceo leva o primeiro partido de semifinais tras vencer ó Reus en penaltis.
Hai que matar cinco ou seis veces ó Liceo para que morra. Ás veces un pode intentalo durante dúas horas e media sen conseguilo. Iso procurou o Reus: sen éxito. O primeiro partido das semifinais polo título foi para os de Juan Copa, que resurxiron das cinzas cando parecían vencidos.
A igualdade, iso si, foi total. O Liceo empezou o choque indo a por Ballart mediante dúas boas ocasións de Dava (detivo o porteiro co casco) e César (pau), aínda que se por algo se caracterizou a primeira parte foi pola partida de xadrez que supuxo.
Igualdade total
Abriu finalmente a lata Martí Casas para os de Jordi Garcia. O gran goleador do Reus apareceu no minuto 18 e no 19 para inaugurar o marcador por partida dobre, un golpe moi duro con todavía moito tempo por diante. O Liceo tiña que arreglalo e empezou a facelo grazas a Bruno Saavedra, que lle deu aire ós coruñeses xusto antes do descanso (1-2).
Nunca baixar os brazos
Empezou entón un acto de absoluta tolemia. Primeiro agasallou a un Riazor engalanado cunha parada de Martí Serra ó seu homónimo Casas, froito da pronta décima infracción dos locais. Xusto despois, Nil Cervera logrou o empate cun disparo lonxano. A mesma disciplina que utilizou Guillem Jansà para adiantar novamente ó Reus (2-3, minuto 31).


Tiveron que pasar case dez minutos para que se dera, pero o nome de Cervera volveu aparecer para igualar a cousa. Empate a tres tantos no minuto 50, que finalmente acabaría con táboas a catro. Marc Julià pareceu dar un golpe definitivo a falta de 50 segundos para un Liceo que, como bo ente sobrenatural, resurxiu. Sacou a cinco xogadores de pista e empatou no primeiro intento grazas a Ferruccio. Prórroga.
Penaltis interminables con final doce
Pareceu desde o principio que o tempo extra só era un trámite para chegar ós penaltis. Precisamente o que acabou por ocorrer, durando incluso máis que os dez minutos totais de prórroga. 20 penaltis e só un gol: o de César Carballeira, que finalmente lle deu ó Liceo unha vitoria tan sufrida como saborosa.
A serie ó mellor de cinco partidos continuará o domingo 1 ás 12:30h, tamén con Riazor como escenario. Será a seguinte batalla.
FICHA TÉCNICA
DEPORTIVO LICEO: Martí Serra; Arnau Xaus, César Carballeira, Dava Torres, Bruno Saavedra (quinteto inicial), Nil Cervera, Jacobo Copa, Fabri Ciocale, Tato Ferruccio e Martín Rodríguez (meta suplente).
REUS DEPORTIU: Càndid Ballart; Joan Salvat, Maxi Oruste, Marc Julià, Martí Casas (quinteto inicial), Pol Martínez, Diego Rojas, Carles Casas, Guillem Jansà e Nil Viña (meta suplente).
ÁRBITROS: Jonathan Sánchez García e Luis Mier Sánchez. Sen tarxetas.
GOLES: 0-1 (Martí Casas, min. 18). 0-2 (Martí Casas, min. 19). 1-2 (Bruno Saavedra, min. 23). 2-2 (Nil Cervera, min. 31). 2-3 (Guillem Jansà, min. 31). 3-3 (Nil Cervera, min. 39). 3-4 (Marc Julià, min. 50). 4-4 (Tato Ferruccio, min. 50).
INCIDENCIAS: Playoffs polo título da OK Liga 24/25. Partido 1 de Semifinais. Pazo dos Deportes de Riazor (A Coruña)