CRÓNICA #WSEChampionsLeague (X8) | Praza para Cuartos (2-0)

CRÓNICA #WSEChampionsLeague (X8) | Praza para Cuartos (2-0)

6 de febreiro de 2025


O Deportivo Liceo pon os pés nos Cuartos de Final tras vencer ó Dinan Quévert.

Os de Juan Copa completan ademáis o quinto partido seguido sen encaixar.

Os deberes están feitos. O Deportivo Liceo de Juan Copa xa é equipo de Cuartos de Final da Champions a falta de dúas xornadas de Fase de Grupos. Iso permite a vitoria por 2-0 ante o Dinan Quévert francés, unha na que o equipo volveu deixar a portería a cero; sumada á derrota do Valongo contra o Oliveirense. Son 12 puntos para os liceístas a falta de seis por xogarse e unha distancia de oito respecto ós lusos, que serían o primeiro conxunto eliminado. Agora queda determinar en que praza se xogará a eliminatoria, que se disputará a ida e volta.

Bo inicio dos franceses

No que foi o partido, os franceses do Quévert (co exliceísta Pellizzari como cabeza visible) saíron ó Pazo dispostos a prantar cara a pesar de estar practicamente eliminados. Un disparo ó pau do seu capitán Corentin Turluer serviu de aviso. Porén, o Liceo seguiu coa súa solidez e acabou rabuñando outra vitoria sen encaixar: a quinta porta a cero consecutiva.

A derrota do Valongo, sumada ós tres puntos liceístas, otórganlle a clasificación matemática ós de Juan Copa

No que a ataque se refire, os primeiros 25 minutos de xogo non deixaron demasiadas oportunidades: únicamente os disparos rasos de Jacobo Copa e Bruno Saavedra, ambos salvados polo meta Bautista Acevedo.

O 1-0 liceísta determinou todo

Todo dentro dun escenario, ademais, limpo a máis non poder. A primeira falta do encontro foi do Liceo no segundo minuto da metade final, só un antes do tanto que balancearía a acción a favor dos da Coruña. Dava Torres avanzou pola dereita, centrou a bóla e esta pegou no mencionado Turluer para finalmente entrar mansiña na rede. O 1-0 xa era unha realidade.

Foi o evento canónico dun partido que tras isto xa foi de práctico dominio verdibranco. A pesar dos intentos do Quévert, quen rozou con máis perigo o segundo gol foi o Deportivo Liceo: un man a man de César, un larguero de Xaus e ata un penalti que Acevedo lle detivo a Dava Torres. Xa con cinco franceses en pista, no minuto 50, Xaus roubou e aproveitou a porta baleira para sentenciar: 2-0 e final.

FICHA TÉCNICA

DEPORTIVO LICEO: Martí Serra; Nil Cervera, César Carballeira, Dava Torres, Bruno Saavedra (quinteto inicial), Arnau Xaus, Jacobo Copa, Fabri Ciocale, Tato Ferruccio e Martín Rodríguez (meta suplente).

DINAN QUÉVERT: Bautista Acevedo; Mateo Garcia, Corentin Turluer, Tomas Cardoso, Guido Pellizzari (quinteto inicial), Roman Ricaille, Arthur Landrin, Quentin Povedin, Facundo Almiñana e Enzo Callewaert (meta suplente).

ÁRBITROS: Pedro Figueiredo e Joaquim Costa (Portugal). Sen tarxetas.

GOLES: 1-0 (Dava Torres, min. 28). 2-0 (Arnau Xaus, min. 50).

INCIDENCIAS: Xornada 8 da WSE Champions League 24/25, Fase de Grupos. Pazo dos Deportes (A Coruña).

Deixa un comentario