CRÓNICA | Suma e segue (2-0)

O Deportivo Liceo colleita ante o Mataró a súa cuarta vitoria consecutiva e continúa líder na OK Liga.
DSC_5303

Imaxe: Hockey Global (Mónica Arcay).

Máis, máis e máis. O Deportivo Liceo non para de gañar partidos, e cunha imaxe cada vez mellor. Os de Juan Copa venceron ao CH Mataró nun encontro no que o equipo catalán demostrou solidez defensiva e o excelente nivel do seu meta Sergi Grané. Os verdes continúan líderes con 12 puntos, tras vencer nos catro partidos disputados ata agora.

O Liceo quería seguir alimentando o seu ilusionante inicio de tempada, pero non esperaba un rival sinxelo. O Mataró, só superado en goles encaixados polos seis primeiros clasificados da OK Liga, presentaba un desafío respetable en canto a eficacia ofensiva. Aínda así, o equipo coruñés superou as expectativas. A punto estivo de estrear o marcador o liceísta César Carballeira, pero o colexiado do encontro anulou o seu gol. Si valeu o sexto da tempada para Jordi Adroher, que colocou o 1-0 tras aproveitar de forma intelixente unha bóla solta no área de Grané.

Juan Copa e os seus confiaban no que facían. Maxi Oruste estivo a centímetros do segundo tras unha excelente xogada colectiva, pero a aparición de máis goles era cuestión de tempo. Platero mandou outra bóla ao pao nun contraataque (minuto 16) e dúas máis ao corpo do porteiro visitante, mentres que Carballeira si logrou perforar a rede de Grané cun disparo lonxano. Se o fixo no Palau, tamén no Pazo.

Un Liceo ambicioso e de bo xogo

A vitoria momentánea non provocou ningún tipo de exceso de confianza nos xogadores de Juan Copa, que continuaron atacando coma se o seu 2-0 a favor fora en contra. O Mataró de Albert Larrea non terminou de crear demasiado perigo a Carles Grau, que aínda así permaneceu atento e efectivo cada vez que o equipo catalán asolaba a súa zona. Jordi Adroher e Di Benedetto tiveron o terceiro non seus sticks, pero Sergi Grané (o mellor do Mataró) detivo ambos disparos.

O Liceo oficializou o acoso á súa portería con tantas ocasións que resultaban complicadas de contar. Tívoas Adroher e a elas sumouse Platero, pero a cada intento que pasaba máis se entendía o escaso número de goles encaixados do conxunto de Larrea. Animouse a replicalas, pero se Grané estivo ben, Grau tamén. A sú portería foi inexpugnable.

Un día máis na oficina para o Deportivo Liceo, que con esta cuarta vitoria consecutiva afianza o seu liderado na OK Liga. A seguinte proba na competición doméstica para os de Juan Copa consistirá en visitar ao Voltregà (sábado 24, 21:00h).

FICHA TÉCNICA

DEPORTIVO LICEO: Carles Grau, César Carballeira, Franco Platero, Dava Torres, Jordi Adroher (cinco inicial), Roberto Di Benedetto, Maxi Oruste e Marc Grau.

CH MATARÓ: Sergi Grané, Gerard Cusachs, Oriol Lladó, Cantero, Marc Ollé (cinco inicial), Eric Florenza, Conrad Xicota, Erik Gual e Bernat Romero.

GOLES: 1-0 (Adroher, min. 8). 2-0 (César Carballeira, min. 22).

ÁRBITROS: Villar Costa, López Quinteiro e Fernández García. Mostrou cartón azul a Erik Gual e Cantero por parte do Mataró.

INCIDENCIAS: Partido correspondente á xornada 4 da OK Liga 20/21. Pazo dos Deportes de A Coruña, 300 espectadores.

Share on facebook
Share on twitter
Share on linkedin
Share on pinterest

Deixa un comentario