PREVIA OK LIGA (X4) | En busca da excelencia

PREVIA OK LIGA (X4) | En busca da excelencia

Imaxe: Hockey Global (Mónica Arcay).

O actual estado de felicidade do Deportivo Liceo é lóxico. Unha vitoria no Palau Blaugrana, a primeira en once anos, non se disfruta como unha máis. Aínda así a competición non para, e é que a vindeira proba desta atípica OK Liga de 30 xornadas traerá como rival ao CH Mataró (domingo 18, 12:00h, Hockey Global e OKLIGA.TV). O obxectivo do equipo de Juan Copa é claro: lograr unha cuarta vitoria consecutiva que consolide o seu excelente inicio de tempada. Para iso, o Pazo dos Deportes de Riazor reunirá novamente a 300 liceístas.

O técnico vive con cautela os días previos ó choque: “Soe pasar que, despois dun partido de tensión, estés algo relaxado. Non o imos facer, sería equivocarse”, declarou Copa á plataforma Hockey Global. Tamén tivo palabras para o Mataró, rival do domingo: “Xogamos ante un equipo que conseguiu o ascenso fai pouco e que mantén a base da tempada pasada, co mesmo adestrador. Fai as cousas moi ben dentro da pista, con valentía”.

O Liceo, co obxectivo de continuar a ilusión

O Liceo chegará ao partido como líder, empatado a 9 puntos cun Reus ao que si supera na diferencia de goles (19 a 13). A actual lista de realizadores da OK Liga tamén está encabezada por un liceísta: Roberto Di Benedetto, con 7 dianas, sendo unha a do 1-2 parcial contra o Barcelona. Continúan na conta particular do equipo coruñés o recén chegado Jordi Adroher (5), Marc Grau (3), Franco Platero (2), César Carballeira (2), Maxi Oruste (2), Dava Torres (1) e o canteirán Dani López (1).

O mencionado Adroher, un dos xogadores máis destacados deste inicio competitivo, tamén falou en Hockey Global sobre a importante vitoria no Palau e os seguintes pasos do equipo: “Reafirma o traballo que facemos desde a pretempada. Agora toca un partido complicado, contra bos xogadores”.

Un Mataró sólido e con identidade

O invitado desta xornada ao Pazo será o mencionado CH Mataró, un equipo que mantén o bloque que logrou ascender á OK Liga fai poucos meses. Os chicos adestrados por Albert Larrea ocupan actualmente o posto 12 da clasificación con 2 puntos de 9 posibles, e caracterízanse por ofrecer partidos con non demasiados goles a favor (6 en 3 partidos) pero tamén con escasos tantos en contra (8). Só os seis primeiros clasificados da OK Liga encaixaron menos goles que o conxunto catalán.

Por iso, e coas probas PCR de rigor xa superadas, a expedición de Larrea viaxará a A Coruña con todos os xogadores dispoñibles: Martí Almerich, Álex Cantero, Guillem Carbonell, Gerard Cusachs, Eric Florenza (símbolo do club e máximo goleador actual do curso), Sergi Grané, Erik Gual, Oriol Lladó, Bernat Romero ou Conrad Xicota. Tamén formará parte do equipo Marc Ollé, fichaxe destacada do pasado mercado.

O partido entre o Deportivo Liceo e o Mataró, a celebrar o domingo 18 de outubro ás 12:00h, será retransmitido por Hockey Global e OKLIGA.TV.

Deixa un comentario