A pandemia da COVID-19 tamén provoca consecuencias na normal celebración da OK Liga 20/21. O Deportivo Liceo viu suspendidos os seus partidos ante o CP Voltregà (fin de semana do 24 de outubro) e o CH Palafrugell (fin de semana do 31 de outubro) debido a varios casos positivos nos planteis dos seus rivais.
Toda a familia liceísta desexa mandarlle ánimos a todos os afectados e que a súa recuperación vaia da mellor forma posible.
As novas datas dos dous encontros, correspondentes ás xornadas 5 e 6, publicaranse nos vindeiros días. O Deportivo Liceo volverá á competición oficial o 7 de novembro para enfrentarse ao FC Porto, no que significará o inicio da Liga Europea. A OK Liga regresará para os de Juan Copa o fin de semana do 15 de novembro, co Lloret como rival.