CRÓNICA #PlayoffsOKLiga (PARTIDO 3 DE CUARTOS DE FINAL) | O Liceo segue o seu camiño (2-1)

CRÓNICA #PlayoffsOKLiga (PARTIDO 3 DE CUARTOS DE FINAL) | O Liceo segue o seu camiño (2-1)

27 de maio de 2025


Nil Cervera foi o encargado de adiantar ó Liceo cun gran gol. Imaxe: MANU BOUTUREIRA.

Os de Juan Copa non fallan ante un Riazor extraordinario e selan o pase ás semifinais polo título.

Do Liceo nunca se dubida. Juan Copa e os seus xogadores lograron repoñerse do golpe inicial do Lleida na eliminatoria e, no terceiro e último partido, oficializaron a presenza nas semifinais polo título da OK Liga. O venres ás 20:30h e o domingo ás 13:00h serán os primeiros encontros contra o Reus, dentro dunha serie ó mellor de cinco con factor pista para os galegos.

Os ollos dun Riazor a rebosar de afeccionados puideron ver como o Liceo apareceu na pista coa ambición lóxica que implica un escenario así. Así foi desde o primeiro minuto, con máis ou menos acerto, pero sempre mirando hacia diante. Avisou Dava Torres cun disparo a media altura, desviado polo meta Javi Sánchez coa súa perna esquerda; pero a máis importante do momento chegou ós dez minutos de acción.

Os coruñeses saíron á pista coa ambición que pedía o ambiente

Ferruccio apareceu polo costado dereito, chegou ata a área leridana e forzou un penalti. Desafortunadamente, de novo apareceu Sánchez para desviar o lanzamento co seu casco. De pouca máis sorte disfrutou Nil Cervera dous minutos despois, posto que atopou o longueiro.

Un guion familiar

Os grandes achegamentos do encontro tiñan cor verdibranca e acabou por chegar o inevitable. Nil, cun disparo de gran potencia, superou esta vez ó gardameta rival para adiantar ó Deportivo Liceo no marcador (1-0, minuto 12).

Sen embargo, e a pesar de aterrizar en Galicia con só 9 xogadores debido á lesión de Fran Torres, o Lleida de Edu Amat reaccionou. Como nos dous partidos anteriores, cada golpe dun recibía unha rápida resposta do outro. Foi Jordi Badia quen empatou no minuto 17, culminando unha xogada colectiva.

Bruno Saavedra foi absolutamente clave na segunda parte do encontro. Imaxe: MANU BOUTUREIRA.

Ferruccio rozou entón literalmente o gol cun remate que detivo Sánchez na mesma liña de meta, o suficiente para que non significara o 2-1. Posteriormente, de forma rigurosa, recibiu a primeira tarxeta azul do duelo tras derrubar a un contrario. Non antes de que tamén a viran César Carballeira e Darío Giménez por unha riña, Nuno Paiva non acertou na falta directa.

O gol que dignificou un gran traballo

Os últimos 25 minutos do tema foron unha excelente representación da serie. Un xogo igualado ata o extremo, con oportunidades claras para uns e outros, pero finalmente foi o Deportivo Liceo quen asestou o golpe mortal. Bruno Saavedra foi o protagonista. Avisou primeiro cun forte disparo raso e cruzado que pegou no pau de Sánchez. Non fallaría pouco despois para colocar o 2-1 definitivo.

Non o moveron os cinco de pista que sacou o Lleida, o mesmo recurso que lle acabou dando vida no primeiro partido da serie. Nin Paiva nin Giménez foron capaces de superar a Martí Serra, clave cunha última parada final.

FICHA TÉCNICA

DEPORTIVO LICEO: Martí Serra; Arnau Xaus, César Carballeira, Dava Torres, Bruno Saavedra (quinteto inicial), Nil Cervera, Jacobo Copa, Fabri Ciocale, Tato Ferruccio e Martín Rodríguez (meta suplente).

LLEIDA: Javi Sánchez; Nuno Paiva, Sebas Moncusí, Nico Ojeda, Jordi Badia (quinteto inicial), Darío Giménez, Chino Miguélez, Sergi Duch e Martí Zapater (meta suplente).

ÁRBITROS: Miguel Díaz Cosme e David Cantos Bonales. Mostraron tarxeta azul a Tato Ferruccio e César Carballeira por parte do Deportivo Liceo. No Lleida viuna Darío Giménez.

GOLES: 1-0 (Nil Cervera, min. 14). 1-1 (Jordi Badia, min. 17). 2-1 (Bruno Saavedra, min. 42).

INCIDENCIAS: Playoffs polo título da OK Liga 24/25. Terceiro e último partido de Cuartos de Final. Pazo dos Deportes de Riazor (A Coruña).

Deixa un comentario