CRÓNICA | Triunfo para seguir escalando (3-1)

CRÓNICA | Triunfo para seguir escalando (3-1)

Nova xornada e nova vitoria para un Deportivo Liceo en escalada. O 3-1 fronte a Las Rozas, logrado no Pazo dos Deportes, permite a Stanis García e ás súas xogadoras alcanzar o sexto posto con 31 puntos. Por diante quedan tan só os colosos da OK Liga Feminina: Cerdanyola, Telecable, Manlleu, Palau e Vila-sana.

Logrouno, ademáis, tras remontar. O conxunto madrileño foi o que se adiantou mediante a italiana Giulia Galeassi, o seu activo ofensivo máis importante, pero o Liceo non se amedrentou. Loitou e empatou grazas a María Sanjurjo. Con ese resultado chegou o tempo de descanso.

Culminación da remontada

Os segundos 25 minutos oficializaron o espertar verdibranco. Catro minutos tardou Alba Garrote en lograr o 2-1, marcado desde o punto de penalti. Deu paso a unha boa xestión da vantaxe que acabou por matar as ideas de Las Rozas, anuladas pola defensa e a portería locais.

Adriana Soto, a máxima goleadora do Deportivo Liceo, engadiu outra diana ó seu haber a tres minutos do final para finiquitar o partido. Máis confianza para a vindeira proba: recibir ó Mataró no Pazo (sábado 2, 20:00h).

FICHA TÉCNICA

DEPORTIVO LICEO: Viki Caretta; María Sanjurjo, Alba Garrote, Lara Yáñez, Adriana Soto (quinteto inicial), Ale Martín, Luchy Paz, Lucía Yáñez, Cris Diz e Mencía Mosquera.

LAS ROZAS: Nerea Notario; Giulia Galeassi, Elena Wally, Anna Carranza, Mónica Villaró (quinteto inicial), Gimena Gómez, Ana Horche, Lucía Rico, María Alcalde e Alicia Abad.

ÁRBITRO: Nicolás Morandeira Sánchez. Mostrou cartón azul á visitante Mónica Villaró.

GOLES: 0-1 (Giulia Galeassi, min. 4). 1-1 (María Sanjurjo, min. 15). 2-1 (Alba Garrote, de penalti, min. 29). 3-1 (Adriana Soto, min. 47).

Xornada 19 da OK Liga Feminina 21/22. Pazo dos Deportes (A Coruña).

Deixa un comentario