8 de marzo de 2025
O Liceo cae nas semifinais.
Non puido ser. O Reus Deportiu estará na final da Copa do Rei tras superar ó Liceo nun complicado encontro de hockey, tan intenso como esixente. O camiño dos de Juan Copa na competición do KO rematou, pero aínda quedan dúas competicións polas que loitar.
Martí Casas, para desgraza da expedición verdibranca, foi o protagonista absoluto desta segunda semifinal. El mesmo encargouse de desnivelar o marcador en tres ocasións durante o acto principal, a primeira delas tras un tramo inicial de relativa igualdade. No minuto 4 recibiu unha bóla na área, virou sobre si mesmo e rematou de forma imposible para o seu homónimo Serra.
O Reus logrou un 3-0 a favor ós 11 minutos de xogo
Catro minutos serían tamén os que tardaría en repetir, cando avanzou coa bóla polo costado dereito de ataque e a mandou ó fondo da rede. O electrónico do Joan Ortoll xa mostraba un 2-0 e as malas novas non se paraban de acumular para o Liceo.
Contra o acerto de Martí Casas
No minuto 11, Martí Casas xa lograra o seu hat trick particular (3-0). Gozou do acerto que non tivo o Liceo durante este acto, a pesar dos claros intentos por parte dos verdibrancos. Bruno Saavedra e Jacobo Copa daban electricidade, mentres que veteráns como Dava ou César aportaban o temple necesario para tratar de manexar a situación. Porén, tanto a defensa do Reus como o seu porteiro, Càndid Ballart, evitaron todos e cada un dos achegamentos.
Loita sen premio
Aínda quedaban cousas por dicir, a pesar do que acabaría sendo un final duro. César Carballeira deulle esperanza ós seus nada máis saír á pista na segunda parte, cun tanto con suspense que estivo a piques de ser invalidado polos árbitros (3-1).
A partir de aí, unha partida de xadrez cos ollos postos nas faltas. Todo mentres os verdibrancos exhibían unha reacción colosal tras acurtar distancias. Desafortunado foi o penalti que provocou Tato Ferruccio, xa que Ballart evitou un 3-2 que tería sido de vital importancia. Martí Serra non quedou atrás: detivo a directa froito da décima infracción, ó igual que fixo o seu homólogo pouco despois. Todo estaba igual.
Lamentablemente, a puntería de Martí Casas seguía afinada. A falta de catro minutos, e despois de multitude de idas e vidas, superou por cuarta vez a meta do Deportivo Liceo. Joan Salvat puxo o peche (5-1). Un golpe duro tendo en conta o esforzo dos coruñeses. Así rematou a Copa, pero non a tempada.
FICHA TÉCNICA
REUS DEPORTIU: Càndid Ballart; Joan Salvat, Marc Julià, Martí Casas, Diego Rojas (quinteto inicial), Ferran Giménez, Pol Martínez, Maxi Oruste, Carles Casas e Nil Viña (meta suplente).
DEPORTIVO LICEO: Martí Serra; Nil Cervera, César Carballeira, Dava Torres, Tato Ferruccio (quinteto inicial), Arnau Xaus, Jacobo Copa, Fabri Ciocale, Bruno Saavedra e Martín Rodríguez (meta suplente).
ÁRBITROS: Miguel Díaz Cosme e Jonathan Sánchez García. Mostraron cartón vermello directo ó Tato Ferruccio.
GOLES: 1-0 (Martí Casas, min. 4). 2-0 (Martí Casas, min. 8). 3-0 (Martí Casas, min. 11). 3-1 (César Carballeira, min. 27). 4-1 (Martí Casas, min. 46). 5-1 (Joan Salvat, min. 50).
INCIDENCIAS: Semifinal da Copa do Rei 2025. Pavelló Joan Ortoll (Calafell).