Imaxe: HOCKEY GLOBAL (Mónica Arcay).
Finalmente foron 12. O Liceo non puido sumar o seu 13º triunfo seguido despois de empatar ante o Caldes, equipo rocoso que puxo en problemas desde o principio ós muchachos dirixidos por Juan Copa. O derradeiro partido do ano ante outros 500 afeccionados quedouse nun punto, pero o liderado do conxunto coruñés continúa firme.
A previa foi de nomes propios, un por cada equipo. Fabri Ciocale polos verdes, no partido que significou o seu retorno a Riazor. No do Caldes, nada menos que o de Sergi Miras. Finalmente, unhas molestias impediron a participación do exliceísta no que sería un complicado encontro para ambos. Entrou mellor o Deportivo Liceo, pero o equipo catalán amosou a razón da súa alta posición na OK Liga.
Puido complicárselle de máis a cousa ós xogadores de Juan Copa, pero a falta directa de Rovira (posterior a un cartón azul para Adroher) foi detida polo meta menos batido da competición: Carles Grau. Aínda así, a ocasión animou ó Caldes. Calquera podía marcar en calquera momento. Os visitantes estiveron a piques de facelo grazas a outra bóla parada, na que Dava Torres viu un cuestionable cartón azul.
A falta de tan só 4 minutos para o entretempo, un penalti sobre Marc Grau permitiu a Jordi Adroher inaugurar o marcador. O 1-0 era osíxeno para este complicado enfrontamento, pero máis o 2-0 logrado un minuto despois. O autor, o mesmo: Adroher, que mandou á rede outra das súas excelentes faltas directas.
Sufrimento ata o final
O hockey regresou trepidante á pista do Pazo cun penalti a favor do Caldes. Carles Grau logrou detelo, pero dúas xogadas despois Ricart estableceu o 2-1 para o conxunto de Candami. Tocaba sufrir ata o final.
Aínda así, o Mago Adroher apareceu por terceira vez. Unha falta directa máis e outro gol de xenio para anotar o 3-1, pero o partido non rematara. Nunha acción que xerou varias protestas por parte do Liceo, Ferran Rosa recortou distancias (minuto 37). Inmediatamente despois, o mesmo protagonista logrou empatar.
Rematou o 2020 para o Deportivo Liceo, que regresará á competición oficial o vindeiro 2 de xaneiro do novo ano. Tocará loitar pola Supercopa de España en Lloret de Mar.
FICHA TÉCNICA
DEPORTIVO LICEO: Carles Grau, César Carballeira, Franco Platero, Marc Grau, Jordi Adroher (cinco inicial), Maxi Oruste, Dava Torres e Roberto Di Benedetto.
CH CALDES: Gerard Camps, Xavi Rovira, Ferrán Rosa, Alexandre Acsensi, Álvaro Giménez (cinco inicial), Roger Acsensi, Lluis Ricart, Marcos Blanqué e Cristian Rodríguez.
GOLES: 1-0 (Jordi Adroher, min. 21). 2-0 (Jordi Adroher, min. 22). 2-1 (Lluis Ricart, min. 27). 3-1 (Jordi Adroher, min. 29). 3-2 (Ferran Rosa, min. 37). 3-3 (Ferran Rosa, min. 37).
ÁRBITROS: López Leitón e González González. Mostraron cartón azul a Jordi Adroher e Dava Torres por parte do Deportivo Liceo. Antón Boedo, membro do corpo técnico, viu a vermella.
INCIDENCIAS: Partido correspondente á xornada 13 da OK Liga 20/21. Pazo dos Deportes de A Coruña, 500 espectadores.