PREVIA OK LIGA (X13) | A pola 13º para despedir 2020

PREVIA OK LIGA (X13) | A pola 13º para despedir 2020

Imaxe: HOCKEY GLOBAL (Mónica Arcay).

Non hai mellor forma de despedir o ano que ampliando a entidade dunha fazaña. Está na man do Deportivo Liceo de Juan Copa, que rematará a competición oficial de 2020 recibindo ó CH Caldes (venres 18 de decembro, 20:30h, HOCKEY GLOBAL).

Xa é seguro que o equipo coruñés completará esta primeira etapa coma líder. Aínda así, manter os seus 5 puntos de vantaxe con respecto ao Barcelona será unha motivación máis para ampliar a 13 o seu número de vitorias consecutivas na OK Liga. Non é a única, xa que o Pazo dos Deportes poderá albergar novamente a 500 afeccionados liceístas.

A empresa tampouco será fácil, xa que o Caldes é un dos equipos máis perigosos da competición. Juan Copa é conscente deste factor: “Necesitaremos facer un partido de nivel alto porque recibiremos a un equipo moi reforzado”, declarou na previa do choque.

Dava Torres e Fabri Ciocale entran na lista

A boa nova da previa do partido é a reincorporación de Dava Torres, tras superar unhas molestias físicas. O capitán do Deportivo Liceo non puido formar parte do equipo nos últimos partidos. Únese a el a fichaxe de inverno adiantada, Fabri Ciocale, que xa pode ser da partida para Juan Copa. No derradeiro compromiso do ano non participarán xogadores do OK Prata.

A convocatoria liceísta, obviando ós mencionados Dava e Fabri, está formada polos mesmos homes que lograron 12 vitorias consecutivas: Carles Grau (porteiro menos goleado da competición), Martín Garaboa, Franco Platero, César Carballeira, Marc Grau, Maxi Oruste, Jordi Adroher e Roberto Di Benedetto.

Contra o Caldes de Sergi Miras

Visitará o Pazo dos Deportes un Caldes de excelente rendemento. O equipo de Eduard Candami ocupa a quinta posición da OK Liga a pesar de levar só 9 partidos nas costas, onde colleitou 6 vitorias, 1 empate (ante o Reus) e 2 derrotas. Ademáis, vén de catro triunfos seguidos. Tamén son catro os equipos que lle superan na táboa, pero todos eles disputaron nada menos que tres compromisos máis.

Aínda así, a anécdota pasa por un nome propio: o de Sergi Miras, antigo xogador do Liceo que regresará a unha pista máis que familiar. O catalán incorporouse ao Caldes en verán tras militar no Porto e o seu rendemento non defraudou. É o segundo máximo anotador do seu equipo con 6 dianas, só por detrás das 10 de Álvaro Giménez.

Deixa un comentario