CRÓNICA #WSECL (X9) | Empate ante o Barcelos (4-4)

CRÓNICA #WSECL (X9) | Empate ante o Barcelos (4-4)

26 de marzo de 2026


O Liceo suma un punto e loitará na pista do Oliveirense pola clasificación para a Final 8.

Na visita a Riazor do Barcelos, o Liceo podía conseguir as matemáticas necesarias para xogar a última data de Champions como clasificado para a Final 8. Non foi así e ambos contendientes sumaron un punto, acumulando os de Juan Copa un total de 13 que farán que todo se decida na pista do Oliveirense o 16 de abril. Outro empate sería suficiente. Que dicir dun triunfo.

A visita á pista do Oliveirense, onde será obrigatorio sumar, decidirá o futuro do Liceo nesta Champions

Ante un Riazor abarrotado, o Liceo sabía que a noite podía acabar coa mellor das novas. Foi por esa razón ambicioso na pista e probou a Guillem Torrents tantas veces como considerou posible, ata que no minuto 7 logrou superalo o capitán Dava Torres cun moi ben executado man a man.

Nunha disciplina como mínimo parecida, Fran Torres dobrou esa vantaxe para os liceístas cando restaban trece minutos para a chegada do descanso. De todos modos ese non foi o resultado que sobreviviu ata o entretempo, posto que o luso Miguel Vieira recortou distancias para o Barcelos (2-1). Quedaba moito por dicir.

As décimas foron decisivas

A partir disto todo foi un ida e volta no que o Liceo estivo un paso por diante ata os tres minutos finais de acción. Xusto no momento máis frustrante. Foron numerosas as veces nas que os de Juan Copa se colocaron con dous tantos de marxe. As enésimas chegaron cos que marcaron Dava Torres e Arnau Xaus, este último de falta directa trala décima infracción visitante.

Precisamente a mesma disciplina aproveitada polos de Rui Neto mediante Kyllian Gil, que xunto a Ramos terminou por rescatar un punto para eles no compás final. Bocina e empate a catro goles.

FICHA TÉCNICA

LICEO: Blai Roca; Nil Cervera, Arnau Xaus, César Carballeira, Dava Torres (quinteto inicial), Jacobo Copa, Nuno Paiva, Fran Torres, Jaime Méndez e Martín Rodríguez (meta suplente).

BARCELOS: Guillem Torrents; Luis Querido, Tato Ferruccio, Iván Morales, Miguel Vieira (quinteto inicial), Pedro Silva, Kyllian Gil, Carlitos Ramos e Luis Belchior (meta suplente).

ÁRBITROS: Louis Hyde e Alfonso Rago. Mostraron tarxeta amarela a Tato Ferruccio, Miguel Vieira e Kyllian Gil no Barcelos.

GOLES: 1-0 (Dava Torres, min. 7). 2-0 (Fran Torres, min. 11). 2-1 (Miguel Vieira, min. 16). 3-1 (Dava Torres, min. 30). 3-2 (Kyllian Gil, min. 36). 4-2 (Arnau Xaus, min. 39). 4-3 (Carlitos Ramos, min. 44). 4-4 (Kyllian Gil, min. 47).

RECINTO E INCIDENCIAS: WSE Champions League 25/26, Xornada 9 da Fase de Grupos. Pazo dos Deportes de Riazor (A Coruña).