CRÓNICA | Triunfo de talento e traballo (1-5)

CRÓNICA | Triunfo de talento e traballo (1-5)

Outro exemplo de adaptación ás circunstancias. Catorce días sen competir saldáronse cun enorme triunfo do Deportivo Liceo na pista do Girona. Son xa 35 puntos de 42 posibles na actual OK Liga, útiles para continuar na loita polo primeiro posto e, á vez, pulir un curso de excelentes números.

As posicións de cada un (penúltimo contra segundo) auguraban unha teoría sinxela para os intereses coruñeses, pero os excesos de confianza e as faltas de respeto ó rival nunca son unha opción. Por iso Juan Copa e os seus saíron ó Palau II coa máxima das concentracións. O asubío inicial precedeu a uns minutos igualados e sen ocasións ante un rival ben organizado.

Dava Torres acabou co equilibrio con dous goles ós 7 e 8 minutos, o segundo deles tras unha execución máxica

Ese equilibrio foi cortado polo capitán Dava Torres, responsable do 0-1 tras aproveitar un gran pase de Àlex Rodríguez ó segundo pao. O dorsal 8 tamén marcou o 0-2 cunha definición de fantasía e talento que sorprendeu ó exliceísta Llaverola. Aínda así, esta distancia non prometía nada. De feito, pouco despois da segunda diana, o conxunto catalán colocou o 1-2 mediante un disparo lonxano de Raúl Pelícano.

A igualdade regresou e ofreceu ocasións para ambos. O único que materializou unha no resto da primeira metade foi Jordi Burgaya, cunha definición instintiva (minuto 19).

Sacrificio e solidez

Ese acerto foi corroborado por Marc Grau ós catro minutos da reanudación. O seu 1-4 chegou despois doutra execución de quilates. Non implicou o armisticio do Girona, todavía con fe e responsable de varias oportunidades de gol. Todas elas foron neutralizadas por Carles Grau, un pesadelo para Pujol e Rovira.

O encargado de matar o partido foi César Carballeira, de novo letal desde o punto de penalti. Triunfo, tres puntos e comezo perfecto para unha semana de tres probas. A segunda delas será en Riazor ante o Lleida (mércores 26, 21:00h).

FICHA TÉCNICA

GIRONA: Jaume Llaverola; Àlex Grau, Moi Aguirre, Gerard Pujol, Raúl Pelícano (quinteto inicial), Gerard Rovira, Hugo Laguna, Biel Nadal, Carles Sánchez e Pau Fernández.

DEPORTIVO LICEO: Carles Grau; César Carballeira, Dava Torres, Àlex Rodríguez, Roberto Di Benedetto (quinteto inicial), Marc Grau, Jordi Burgaya e Nanu Castro.

ÁRBITROS: Pérez Claramunt e Barba Gómez-Álvarez. Mostraron cartón azul ó local Jaume Llaverola.

GOLES: 0-1 (Dava Torres, min. 7). 0-2 (Dava Torres, min. 8). 1-2 (Raúl Pelícano, min. 9). 1-3 (Jordi Burgaya, min. 19). 1-4 (Marc Grau, min. 29). 1-5 (César Carballeira, de penalti, min. 39).

Xornada 15 da OK Liga 21/22. Pavelló Municipal Palau II (Girona).

Deixa un comentario