CRÓNICA | Aínda non estamos mortos (1-3)

A sexta vitoria consecutiva do Deportivo Liceo, lograda ante o Girona, mantén ó equipo de Juan Copa na loita pola OK Liga.
WhatsApp Image 2021-04-17 at 20.52.53

Dominio e vitoria do Deportivo Liceo na súa visita a Girona. É a sexta consecutiva na OK Liga, á que regresaban Juan Copa e os seus trala súa aventura en Europa. O triunfo eleva o puntaxe liceísta a 64 unidades logradas en 24 partidos, dous xogados menos con respecto ó líder Barcelona (71 puntos). Todo está aínda por decidir.

Lonxe do hockey, se algo marcou o inicio deste partido foron as incidencias. Primeiro a do local Gerard Pujol, receptor dun golpe que o mantivo noqueado durante un minuto. Pouco despois, unha das colexiadas tamén sufriu un pequeno percance e Dava Torres sucedeulle na lista de damnificados. Afortunadamente, todo quedou en anécdota. O xogo puro deixou a un Deportivo Liceo realmente presionante que provocou varios erros defensivos na zaga rival. Un aspecto clave no devir da acción.

O Girona intentou arreglalo formando en bloque á hora de resistir as ofensivas, pero a táctica non evitou o primeiro gol liceísta. No oitavo minuto de xogo, Dava Torres disparou desde unha posición non moi lonxana á liña divisoria e Marc Grau redirixiu a bóla ó fondo da rede defendida por Jaume Llaverola (autor dun gran partido).

O tanto non trocou os plans de Juan Copa, director do equipo que gozou de máis posesión e protagonismo durante o acto inicial. Tamén foi dono do perigo. Estes factores trouxeron como consecuencia dous goles verdibrancos en cuestión de segundos cando restaban oito minutos de primeira metade. Foron obra de Maxi Oruste e Roberto Di Benedetto. O marcador reflexou de forma fiel a superioridade coruñesa.

Descanso con todo decidido

Unha vez regresados á pista tralo descanso, o Liceo non exerceu a presión anterior coa mesma intensidade. Aínda así, este troco non evitou a supervivencia da súa autoridade. Os 25 minutos do segundo acto pasaron sen apenas sustos, como se o destino do partido xa estivera decidido.

Non puideron evitalo nin as dúas faltas directas vividas na segunda metade, unha para cada equipo. Sen embargo, o Girona foi quen de anotar o tanto da honra, obra do bo goleador David Gelmà desde o punto de penalti. A vitoria liceísta xa era unha realidade.

O Deportivo Liceo continuará a súa persecución ó liderado na visita do CP Calafell ó Pazo dos Deportes (venres 23, 19:30h).

FICHA TÉCNICA

GIRONA CH: Jaume Llaverola, Alex Joseph, David Gelmà, Gerard Pujol, Alex Grau (quinteto inicial), Hugo Laguna, Humberto Mendes e Pau Palacín.

DEPORTIVO LICEO: Carles Grau, César Carballeira, Dava Torres, Marc Grau, Jordi Adroher (quinteto inicial), Fabri Ciocale, Franco Platero, Roberto Di Benedetto e Maxi Oruste.

ÁRBITROS: Pérez Claramunt e Pardo Van-Hees. Sen cartóns.

GOLES: 0-1 (Marc Grau, min. 8). 0-2 (Maxi Oruste, min. 17). 0-3 (Roberto Di Benedetto, min. 17). 1-3 (David Gelmà, de penalti, min. 47).

INCIDENCIAS: Partido correspondente á xornada 26 da OK Liga 20/21. Pavelló Municipal Palau II.

Share on facebook
Share on twitter
Share on linkedin
Share on pinterest

Deixa un comentario