CRÓNICA | Triunfo de ambición (2-3)

CRÓNICA | Triunfo de ambición (2-3)

Imaxe: Paola Pérez.

Vitoria sufrida, complicada e motivadora para a Copa que se achega. O Deportivo Liceo conquistou a Torre Roja dun excelente Caldes, batallador ata o final, para colocarse con 73 puntos nesta OK Liga con seis máis por xogarse. A tiro de tres de igualar a marca histórica da entidade e a catro do líder Barcelona, vencedor no seu partido e a un só triunfo máis de asegurarse o título de forma matemática.

Os locais, que regresaron á acción doméstica tras case un mes e medio de inactividade, monopolizaron as dúas primeiras oportunidades. Ricart e Alexandre Acsensi probaron a Carles Grau, pero o meta de Lloret detivo ambas antes de que Maxi Oruste tamén obrigara a traballar a Gerard Camps. Pintaba a partido igualado e así foi, polo menos nos primeiros compases. Aínda así, o conxunto de Eduard Candami contou coa baza das gradas da Torre Roja, ocupadas ata a metade do seu aforo.

A Associació de Discapacitats de Barberà del Vallès presenciou o encontro a invitación do club.

O Deportivo Liceo exerceu unha presión alta e habitual nos plans de Juan Copa. Axenciouse pouco a pouco do perigo do encontro e avisou novamente con disparos como o de Dava Torres, que pegou no ferro de Camps. Ós catorce minutos, foi Roberto Di Benedetto -no día do seu aniversario- o que colocou o 0-1 con outra definición lonxana marca da casa. Marc Grau ofreceu tres despois un 0-2 de non menor factura, tras un potentísimo disparo, pero a ampliación da vantaxe foi rápidamente eliminada por Álvaro Giménez (1-2).

No derradeiro minuto antes do descanso, e de maneira similar á de Grau, o capitán Dava Torres anotou o 1-3.

Dificultade ata a fin

O segundo acto non comezou da mellor forma para os intereses coruñeses. O exliceísta Sergi Miras tardou tres minutos en recortar distancias (2-3) tras unha excelente xogada individual. O gol animou ó Caldes, que buscou o empate de forma insistente. O propio Miras estivo a punto de logralo desde o punto de penalti, pero Carles Grau permaneceu firme para impedilo. O muro liceísta tamén conservou o 2-3 despois de deter unha falta directa de Marcos Blanqué.

O exliceísta Sergi Miras anotou un gran gol que significou o 2-3 final.

A partir deste momento, o encontro foi un choque de trens. Os mellores arsenais ofensivos de ambos equipos protagonizaron un emocionante intercambio de golpes, pero o mencionado 2-3 campou á conclusión.

O Deportivo Liceo vivirá agora un parón que finalizará coa visita do Reus Deportiu ó Pazo dos Deportes. Se as circunstancias sanitarias o permiten, será o sábado 22 de maio en xornada unificada (20:00h).

FICHA TÉCNICA

CH CALDES: Gerard Camps, Sito Ricart, Sergi Miras, Alexandre Acsensi, Cristian Rodríguez (quinteto inicial), Roger Acsensi, Álvaro Giménez, Ferran Rosa e Marcos Blanqué.

DEPORTIVO LICEO: Carles Grau, César Carballeira, Franco Platero, Dava Torres, Maxi Oruste (quinteto inicial), Roberto Di Benedetto, Marc Grau, Fabri Ciocale e Jordi Adroher.

ÁRBITROS: Rivas Martín e De la Hera Jáudenes. Mostraron cartón azul ó local Cristian Rodríguez e ó visitante Marc Grau.

GOLES: 0-1 (Roberto Di Benedetto, min. 14). 0-2 (Marc Grau, min. 17). 1-2 (Álvaro Giménez, min. 17). 1-3 (Dava Torres, min. 25). 2-3 (Sergi Miras, min. 28).

INCIDENCIAS: Partido correspondente á xornada 28 da OK Liga 20/21. Pavelló Torre Roja.

Deixa un comentario