PREVIA OK LIGA 20/21 (X28) | Ata a fin

PREVIA OK LIGA 20/21 (X28) | Ata a fin

Imaxe: HOCKEY GLOBAL (Mónica Arcay).

É difícil, pero mentres existan posibilidades haberá loita. Non caberá outra intención no Deportivo Liceo, que aproveitará as súas últimas opcións polo título da OK Liga ofrecendo o máximo rendemento. Este final de camiño, ó que só lle quedan tres paradas, comezará coa complicada visita ó Club Hoquei Caldes (sábado 8, 19:30h, OKLIGA.TV).

A situación clasificatoria amosa a un conxunto verdibranco con 70 puntos, catro menos có líder Barcelona a falta de nove por xogarse. A pesar da dificultade do escenario, hai outra motivación para o Liceo: a de superar a súa marca de puntuación na competición nacional, que actualmente ascende ás 76 unidades. A tiro está.

Juan Copa e os seus xogadores chegarán a este compromiso despois da súa recente vitoria (1-2) ante o Palafrugell. Estivo claramente marcada polo desgaste físico derivado da derrota en Vendrell, só 48 horas antes. O técnico, a pesar da lonxanía do título, tamén atopa outra utilidade nesta recta final: “Imos mellorar para chegar ben á Copa que se celebrará aquí. Niso traballaremos, e á vez en seguir sumando no que queda de Liga. Os tres partidos que quedan, Caldes, Reus e Lleida, son contra equipos de Copa do Rei. Virá moi ben este nivel para seguir progresando e chegar a ela en condicións óptimas”.

Regreso de Adroher e Di Benedetto

O Deportivo Liceo poderá viaxar a Cataluña coa totalidade do primeiro plantel dispoñible. Destacará o dobre regreso protagonizado por Jordi Adroher e Roberto Di Benedetto, que non puideron aportar no anterior encontro debido á acumulación dos discutibles cartóns azuis que viron contra o Vendrell.

Ademáis deles, subiranse ó avión Carles Grau, Martín Garaboa, Franco Platero, César Carballeira, Dava Torres, Maxi Oruste, Marc Grau e Fabri Ciocale.

Un Caldes inactivo pero perigoso

O CH Caldes vivirá na visita do Liceo o seu primeiro choque de OK Liga en prácticamente mes e medio. O conxunto dirixido por Eduard Candami non sae á pista desde o 28 de marzo, data na que logrou vencer de forma contundente ó Voltregà (2-7).

As complicadas circunstancias sanitarias impediron ata o momento a disputa de máis partidos, ata o punto de que todavía conta con cinco pendentes. O enfrontamento contra o Deportivo Liceo inaugurará, de feito, un maratón de tres nunha semana (completado con choques ante Lloret e Palafrugell) e será con presencia de público na Torre Roja.

A pesar dos seus deberes, o Caldes é o flamante cuarto clasificado da OK Liga cun rexistro de 17 vitorias, 3 empates, 5 derrotas, 101 goles a favor e 74 en contra en 25 partidos. Máis que vivo na súa loita pola clasificación para a Liga Europea.

Non contarán con baixas nun plantel equilibrado e completo, no que moitos xogadores aportaron dobres díxitos de goles. Un deles é Sergi Miras, ex do Deportivo Liceo autor de 16 tantos e que non puido disputar o duelo da primeira volta por problemas físicos. Sen embargo, tamén foron capaces de logralos Ferran Rosa (18), Álvaro Giménez (16), Cristian Rodríguez (15), Xavier Rovira (11) e Lluis Ricart (11).

No mencionado choque da volta inicial, o Caldes alzouse como o primeiro capaz de puntuar ante o equipo coruñés tralos seus doce triunfos de xeito seguido. Foi o que plasmou o 3-3 resultante. Un motivo máis para valorar a dificultade deste reencontro.

Deixa un comentario