CRÓNICA WSE CHAMPIONS LEAGUE (Grupos, X5) | Enésimo capítulo do ADN Liceo (2-2)

O Deportivo Liceo suma na pista do Benfica tras empatar un 2-0 parcial e xogarase o pase á Final 8 na última xornada.

Imaxe: SL Benfica.

O ADN Liceo surxiu outra vez para sumar na casa dun dos mellores equipos do planeta. E con case todo en contra. O Deportivo Liceo de Juan Copa empatou contra o Benfica para acumular seis puntos, baixar ó terceiro posto do Grupo A da Champions pero seguir dependendo de si mesmo na última xornada. Será o 13 de abril, en Riazor e contra o Oliveirense (segundo, 7 unidades). Un triunfo daría o pase á Final 8.

Sen Pol Manrubia na expedición ó tratarse dun cedido do Benfica, a igualdade foi a tónica ó principio duns primeiros 25 minutos decididos por detalles. As ocasións foron abundantes por parte de ambos, con Martí Serra detendo un bo disparo de Nil Roca e outro do exliceíta Roberto Di Benedetto (co casco). Pedro Henriques fixo o propio nun man a man de Dava Torres.

Primeira parte de malas novas

Vital pareceu ser o minuto 12 de xogo, cando Lucas Ordóñez (outro ex verdibranco) foi derrubado polo gardarredes hoxe visitante. Martí viu o cartón azul e Mati Bridge non puido deter o 1-0 de Pablo Álvarez.

O exliceísta Pablo Álvarez anotou o 1-0 tras un cartón azul a Martí Serra

Animados polas boas novas e potenciados pola gran calidade dos seus xogadores, os homes de Nuno Resende dobraron a vantaxe antes do descanso mediante Carlos Nicolía (2-0, minuto 22). Disparo lonxano, golpe no pau e bóla dentro.

Tombita para resurxir

Chegou o segundo acto e non tardou en deixar máis malas novas, aínda que sen consecuencias no marcador. Os colexiados italianos optaron por mostrarlle o cartón azul a Juan Copa e, posteriormente, Ordóñez errou a directa. O partido estivo a piques de morrer aí, pero ocorreu o contrario.

O heroe foi o dorsal 44 e apareceu cando o camiño xa parecía demasiado intransitable. Fran Torres culminou en tan só dous minutos (38 e 39) unha igualada digna do mellor ADN Liceo. Cheos de moral, os verdibrancos tamén tiveron ocasións para remontar. Salvaron á vez as oportunidades do seu rival, que mediante Edu Lamas rozou o 3-2 no 49. Martí Serra evitou a súa definición picada de xeito providencial.

O Liceo intentouno incluso con cinco xogadores de pista no minuto final. Rematou en táboas con todo pendente para o choque na Coruña contra o Oliveirense (13 de abril). O pase será para o vencedor.

FICHA TÉCNICA

BENFICA: Pedro Henriques; Diogo Rafael, Pablo Álvarez, Lucas Ordóñez, Nil Roca (quinteto inicial), Carlos Nicolía, Edu Lamas, Roberto Di Benedetto, Gonçalo Pinto e Bernardo Mendes (meta suplente).

DEPORTIVO LICEO: Martí Serra; Sito Ricart, César Carballeira, Dava Torres, Àlex Rodríguez (quinteto inicial); Bruno Di Benedetto, Arnau Canal, Fabri Ciocale, Fran Torres e Mati Bridge (meta suplente).

ÁRBITROS: Franco Ferrari y Marco Rondina (Italia). Mostraron cartón azul a Martí Serra e ó técnico Juan Copa por parte do Deportivo Liceo.

GOLES: 1-0 (Pablo Álvarez, min. 18). 2-0 (Carlos Nicolía, min. 22). 2-1 (Fran Torres, min. 38). 2-2 (Fran Torres, min. 39).

WSE Champions League 2023, Fase de Grupos, Xornada 5. Pavilhão Fidelidade (Lisboa, Portugal).

Share on facebook
Share on twitter
Share on linkedin
Share on pinterest

Deixa un comentario