CRÓNICA #PlayoffsOKLiga (Finais, Partido 1) | Derrota no primeiro duelo (6-3)

CRÓNICA #PlayoffsOKLiga (Finais, Partido 1) | Derrota no primeiro duelo (6-3)

14 de xuño de 2025


O Barça leva o asalto inicial da Final polo título. Este luns celebrarase o segundo, tamén no Palau Blaugrana (20:30h).

Malas novas na primeira proba das finais polo título de OK Liga. O duelo inaugural da serie (ó mellor de cinco) foi para o Barça, que aproveitou o Palau Blaugrana para fortalecerse e levar o primeiro punto.

O segundo estará en xogo o luns ás 20:30h no mesmo escenario, un que este sábado viu como o Liceo de Juan Copa se adiantaba no marcador. Ese tanto de Arnau Xaus (minuto 2) foi unha alegría que durou demasiado pouco.

Arnau Xaus adiantou moi cedo ó Liceo, aínda que Alabart tardou incluso menos en igualar

Ignacio Alabart encargouse de igualar segundos despois do saque de centro (1-1) e devolveu o equilibrio ó xogo. Continuou ata ben entrada a primeira metade de acción, con ocasións importantes para ambos equipos.

Igualdade que acabou cun golpe duro

A máis clara para os culés foi un man a man de Eloi Cervera que tapou excelentemente Martí Serra, posterior vítima dun golpe involuntario cun stick rival. Xa atendido polos servizos médicos presentes no Palau, regresou á pista.

Ferruccio e Dava probaban entón a Carles Grau, mentres que o seu irmán Marc e Ferran Font facíanno co gardián liceísta. O empate non se moveu. Polo menos ata que Alabart, no peor momento posible, adiantou ó Barça por primeira vez no encontro (2-1). Só quedaba un minuto para o descanso.

Un minuto fatal

Unha diana que lle deu inercia positiva ós de David Cáceres. Saíron mellor ó segundo acto e esa superioridade lexitimouse con dous hachazos en só un minuto. Todo empezou coa décima infracción verdibranca. Aínda que fallou Alabart, Ferran Font aproveitou a xogada inmediatamente posterior para lograr o 3-1. Eloi Cervera fixo o mesmo co 4-1. Un golpe durísimo para o Liceo, que aínda así non baixou os brazos.

Os goles de Ferran Font e Eloi Cervera, ambos en cuestión dun minuto, achegaron o triunfo ós locais

Bruno Saavedra, tras un bo pase de Dava Torres, anotou o 4-2 a falta de sete minutos. Un pequeno raio de esperanza que se encargaría de complicar Pablo Álvarez ó transformar un penalti. O mesmo ocorreu cando Xaus marcou o 5-3, xa que Llorca (co Liceo xa arriscando) oficializou o 6-3 definitivo. Punto e seguido e a polo segundo encontro.

FICHA TÉCNICA

BARÇA: Carles Grau; Ignacio Alabart, Ferran Font, Marc Grau, Sergi Llorca (quinteto inicial), Pablo Álvarez, Xavi Barroso, Sergi Aragonès, Eloi Cervera e Sergi Fernández (meta suplente).

DEPORTIVO LICEO: Martí Serra; Arnau Xaus, César Carballeira, Dava Torres, Bruno Saavedra (quinteto inicial), Nil Cervera, Jacobo Copa, Fabri Ciocale, Tato Ferruccio e Martín Rodríguez (meta suplente).

ÁRBITROS: Miguel Díaz Cosme e Jonathan Sánchez García. Mostraron tarxeta azul ó local Sergi Llorca.

GOLES: 0-1 (Arnau Xaus, min. 2). 1-1 (Ignacio Alabart, min. 3). 2-1 (Ignacio Alabart, min. 24). 3-1 (Ferran Font, min. 37). 4-1 (Eloi Cervera, min. 37). 4-2 (Bruno Saavedra, min. 43). 5-2 (Pablo Álvarez de penalti, min. 44). 5-3 (Arnau Xaus, min. 49). 6-3 (Sergi Llorca, min. 50).

INCIDENCIAS: Playoffs polo título da OK Liga 24/25. Partido 1 da Final. Palau Blaugrana (Barcelona).

Deixa un comentario