Un regreso de nivel

Un regreso de nivel

Imaxe: HOCKEY GLOBAL (Mónica Arcay).

Poucas festas de Fin de Ano e Aninovo pódense montar cando o día 2 ás 18:00h xogas en Lloret contra o Reus. Menos aínda se o partido é dunha semifinal de Supercopa. O regreso do Deportivo Liceo á alta competición non será baladí: un título en xogo e tres rivais de grandes prestacións. Todo tras un parón que Juan Copa, técnico do equipo coruñés, consideraba necesario: “Foi perfecto para recuperar á xente que tiñamos tocada”, declarou a HOCKEY GLOBAL.

A Ilerna Online Supercopa de España 2021 será un pouco particular, como toda competición durante a pandemia. Esta vez, polas datas da súa celebración. O capitán do Liceo, Dava Torres, falou con HOCKEY GLOBAL sobre este aspecto, pero non lle quitou un ápice de importancia a un título coma este: “Hai ganas de xogar unha semifinal así. Chega nunha etapa estrana, en Nadal, pero non deixa de ser o partido que é”.

Un Tourmalet particular

O inicio de 2021 do Deportivo Liceo será realmente esixente. En cuestión dun mes, Juan Copa e os seus xogadores deberán afrontar unha grande cantidade de obstáculos de nivel tanto na mencionada Ilerna Online Supercopa de España como na OK Liga. Inicialmente virá a semifinal da primeira, e en caso de vitoria toda unha final ante Barcelona ou Noia. Unha vez rematada, a competición doméstica regresará coa visita ó propio Reus durante a segunda fin de semana do ano. Por se fora pouco, Riazor recibirá ó Lleida sete días despois.

Todo un Tourmalet para o que Juan Copa está listo: “Estamos preparados para o que vén. Será un inicio de ano moi forte, con partidos moi importantes, comezando xa coa primeira oportunidade que temos de loitar por un título. Para iso estamos aquí”.

O preparador do Liceo poderá contar coa totalidade do seu plantel: Carles Grau, Martín Garaboa, Franco Platero, César Carballeira (ex do Reus), Dava Torres, Roberto Di Benedetto, Maxi Oruste, Marc Grau, Jordi Adroher e un cada vez máis readaptado Fabri Ciocale.

Un Reus temible

O Deportivo Liceo enfrontarase dúas veces nunha semana a un dos equipos máis perigosos do panorama nacional: o Reus Deportiu de Jordi García. Os datos din que o potencial ofensivo do conxunto catalán é equiparable ó do Barcelona, trasatlántico do hockey sobre patíns: 80 goles a favor na OK Liga, os mesmos que o equipo culé. Copa é plenamente conscente da enorme dificultade do desafío: “É un equipo poderoso, cunha pegada terrible. Perigosísimo a bóla parada e con moita efectividade”.

A totalidade do plantel do Reus é capaz de xerar moito dano, pero destacan tres potentes nomes: Àlex Rodríguez, Marc Julià e Raúl Marín. 19, 17 e 24 goles respectivamente na OK Liga. Dava Torres non ten máis que palabras de eloxio para estes xogadores: “Coa chegada de Raúl subiron moito o potencial ofensivo. É un dos maiores anotadores da OK Liga. Ademáis, o Reus ten unha portería de moito nivel e unha rotación con xogadores novos de bo rendemento. Aínda así, temos armas para facer un bo partido”.

A primeira parada de esta dura viaxe será ás 18:00h do 2 de xaneiro e estará retransmitida pola TVG 2 e OKLIGA.TV.

Deixa un comentario