Recta final da OK Prata Feminina para o Deportivo Liceo

Recta final da OK Prata Feminina para o Deportivo Liceo

Imaxe: Bybirbo (Iria Roma).

Nunha fin de semana sen partido para o equipo masculino, o Deportivo Liceo comezará a derradeira etapa da OK Prata Feminina. A competición, á que tan só lle quedan catro xornadas, continuará coa visita das verdibrancas ó Prado de Santo Domingo do CP Alcorcón (sábado 15, 18:00h). Este encontro será vital na loita pola primeira praza, que actualmente ocupa o Liceo con 20 puntos colleitados en oito datas.

O conxunto madrileño é o segundo clasificado con 16 unidades, pero cunha xornada disputada menos, polo que representa un perigo serio para a posición liceísta. Afrontará o partido tras dúas vitorias contundentes conseguidas fronte ó CPP Raspeig (11-1) e o Gatikako Iusturi (2-9), despois de que o CP Las Rozas lograra vencerlles por 1-2 na que é a súa única derrota da tempada. En resumo, o Alcorcón rexistra cinco triunfos, un empate, o mencionado tropezo, 44 goles a favor (é o máis realizador da categoría) e oito en contra.

Pola súa parte, o Deportivo Liceo (equipo menos goleado con tres tantos encaixados) regresará á OK Prata despois de igualar contra o propio Las Rozas (0-0). Sen embargo, tódolos seus partidos restantes excepto un deixaron triunfos. Esa excepción tivo lugar na primeira volta, con outro empate co mesmo Alcorcón como rival. Despois deste reencontro, o cadro de Carlos Loureiro descansará ata o día 30 de maio (data na que visitará ó UDC Rochapea).

Deixa un comentario