PREVIA SUPERCOPA (semifinal) | Comeza a acción

PREVIA SUPERCOPA (semifinal) | Comeza a acción

Imaxe: HOCKEY GLOBAL.

A tempada 21/22 xa está aquí. Coas probas xa no pasado, o Deportivo Liceo de Juan Copa ten ante si a primeira opción de título do ano: a Supercopa de España. O sábado 11 de setembro ás 19:00h (OKLIGA.TV e TVG 2) celebrarase a súa semifinal, co Caldes de Eduard Candami como rival. Será o asubío inicial do novo curso, só unha semana antes do comezo da OK Liga (dúas, en caso dos verdibrancos).

A edición actual da competición conta co Olímpic de l’Ateneu de Sant Sadurní d’Anoia como sede. Alí espera un trofeo polo que loitarán os propios Liceo e Caldes, ademáis do Barcelona e o Noia (anfitrión).

Ademáis será, curiosamente, a segunda Supercopa do ano natural 2021, xa que a 20/21 se xogou durante o pasado xaneiro por consecuencias da pandemia. A final, sexan cales sexan os seus participantes, celebrarase o 12 de setembro ás 19:45h.

Unha pretempada de nivel

O Deportivo Liceo sairá á pista do Olímpic de l’Ateneu tras unha esixente preparación. Os verdibrancos disputaron unha pretempada marcada polos amigables contra potentes conxuntos portugueses: Oliveirense, Valongo, Benfica e Sporting (este en dúas ocasións).

Entre outras cousas, estes cinco compromisos foron útiles para integrar ás dúas fichaxes da tempada. Tanto a Àlex Rodríguez como a Jordi Burgaya, reforzos de gran nivel que axudarán nun curso tan duro como ilusionante.

Sen o mancado Dava Torres

Para esta primeira proba do ano, Juan Copa poderá contar coa totalidade do seu plantel menos un nome. É o de Dava Torres, todavía mancado, aínda que formará parte da expedición para aportar desde fóra da pista.

Polo tanto, a Cataluña -aparte do capitán- viaxarán Carles Grau, Martín Garaboa, César Carballeira, Maxi Oruste, Marc Grau, Jordi Burgaya, Àlex Rodríguez, Roberto Di Benedetto e Jordi Adroher. Uniranse a eles dous xogadores do OK Prata: Fran Torres e Nanu Castro. Ó ser un total de once, o técnico do Liceo deberá realizar un descarte.

Un sempre complicado Caldes

O rival da semifinal será o Caldes de Eduard Candami, un bloque perigoso e con argumentos para poñer en problemas a todo contendente. Juan Copa é desta idea: “Foi un dos mellores equipos da tempada pasada, sen ningunha dúbida. Xa os atopamos nas semifinais de Copa con vitoria nosa, pero moi traballada. Vai ser un partido complicado contra un equipo que xoga de memoria”, declarou o técnico a HOCKEY GLOBAL.

O Caldes xoga de memoria, entre outras cousas, porque tan só realizou un troco no seu plantel. A baixa do exliceísta Sergi Miras foi cuberta coa fichaxe de Xevi Gurri, procedente do Girona. Xogará baixo as ordes do mencionado Eduard Candami, director durante un ano máis dun conxunto catalán que logrou o terceiro posto na OK Liga 20/21.

Deixa un comentario