CRÓNICA | ¡Á final! (5-1)

O Deportivo Liceo vence ó Caldes e estará presente no partido pola Supercopa de España (domingo, 19:45h).

Imaxe: PAOLA PÉREZ.

Nunha demostración de pegada e control, o Deportivo Liceo de Juan Copa superou ó Caldes e accedeu á final da Supercopa de España. O primeiro partido oficial dos verdibrancos na tempada 21/22 deixou múltiples aspectos positivos, pero tamén un camiño. O obxectivo do domingo ás 19:45h é terminar de percorrelo.

A acción comezou ben desde o principio. Ós tres minutos, un despiste defensivo do conxunto de Eduard Candami permitiu anotar a Roberto Di Benedetto (que remataría con molestias nun ombreiro). O don da oportunidade. Pouco despois, César Carballeira (elixido MVP da semifinal) estivo a unha perna de Camps de colocar o 2-0 desde o punto de penalti. Redimiuse lográndoo cun excepcional disparo lonxano.

Marc Grau, cun hábil reverso, foi o responsable dun 3-0 que demostraba claramente a superioridade do Liceo. Non significou aínda así algunha clase de incomparecencia do Caldes, que estivo a centímetros de acurtar distancias cando o descanso era cuestión de minutos.

Pegada e xestión

O regreso á pista do Olímpic de l’Ateneu mostrou a un Caldes máis motivado. Sen nada que perder. Creou problemas e foi capaz, esta vez si, de marcar o 3-1 mediante un bo disparo de Xavi Rovira (minuto 37). Tampouco xogaba a favor o número de faltas do Liceo, vestido totalmente de negro, pero xestionou perfectamente a circunstancia.

Non só iso, senón que golpeou de novo. Jordi Burgaya e Àlex Rodríguez sumaron os seus primeiros goles como liceístas para, dunha vez por todas, finiquitar a semifinal.

O partido polo título celebrarase no mesmo escenario ás 19:45h do domingo. Noia ou Barça, posibles rivais.

FICHA TÉCNICA

DEPORTIVO LICEO: Carles Grau; César Carballeira, Roberto Di Benedetto, Maxi Oruste, Jordi Adroher (quinteto inicial), Marc Grau, Jordi Burgaya, Àlex Rodríguez e Fran Torres.

CH CALDES: Gerard Camps; Sito Ricart, Xavi Rovira, Alex Acsensi, Álvaro Giménez (quinteto inicial), Xevi Gurri, Ferran Rosa, Roger Acsensi e Marcos Blanque.

GOLES: 1-0 (Roberto Di Benedetto, min. 3). 2-0 (César Carballeira, min. 10). 3-0 (Marc Grau, min. 12). 3-1 (Xavi Rovira, min. 37). 4-1 (Jordi Burgaya, min. 47). 5-1 (Àlex Rodríguez, min. 48).

ÁRBITROS: Díaz Cosme e Pérez Claramunt. Mostraron cartón azul a Álvaro Giménez e Sito Ricart, ambos do Caldes.

Semifinal da Supercopa de España 2021. Olímpic de l’Ateneu (Sant Sadurní d’Anoia).

Share on facebook
Share on twitter
Share on linkedin
Share on pinterest

Deixa un comentario