PREVIA OK LIGA (X19) | Duro exame en Reus

PREVIA OK LIGA (X19) | Duro exame en Reus

O complexo calendario deste mes de febreiro continuará o sábado cunha visita das que se apuntan ó revelarse as datas da OK Liga. Ó Deportivo Liceo de Juan Copa tocaralle afrontar o ambiente do Palau d’Esports de Reus (xornada 19, 21:00h). Un feudo que presumiblemente presentará un cheo total para recibir ó conxunto coruñés.

Será unha viaxe co obxectivo innegociable de sumar de tres e continuar de xeito sólido na segunda posición da competición. Os verdibrancos rexistran a día de hoxe uns grandes números de 43 puntos sobre 54 posibles grazas a 14 vitorias, tres derrotas e un empate.

Este último ocorreu na xornada anterior, cando o Pazo dos Deportes da Coruña recibiu ó Noia (2-2, data 18) apenas dous días despois dunha excelente actuación contra o Benfica na Champions (3-3). Ese 2-2 cortou unha espectacular racha de oito triunfos consecutivos por parte dos xogadores dirixidos por Copa.

Proba contra o terceiro clasificado

O Deportivo Liceo xogará contra un dos nomes que ano tras ano se inclúen nas quinielas dos títulos. O Reus Deportiu, con Jordi García no banco, é o actual subcampión da OK Liga (caeu ante o Liceo) e na 22/23 ocupa o seu terceiro posto. Suman 39 puntos (catro menos có equipo galego) froito de 12 vitorias, tres empates e tres derrotas.

O partido da primeira volta foi o do debut de Pol Manrubia, que anotou un gol. Imaxe: MANU BOUTUREIRA.

Inmerso tamén na fase de grupos da WSE Champions League, o conxunto catalán buscará acumular o seu segundo triunfo seguido despois de vencer a domicilio fronte ó Vilafranca (2-3). Tamén terá o obxectivo de mellorar o resultado da primeira volta, na que Riazor presenciou un éxito liceísta (5-3 no debut de Pol Manrubia, que anotou un gol).

O perigo ofensivo do Reus residirá maiormente en dous homes: Sergi Aragonès e Marc Julià. Os dorsais 6 e 15 son os máximos realizadores do equipo e dos mellores de toda a OK Liga con 18 e 20 dianas respectivamente.

Lista de convocados

Para este compromiso, e como lleva ocorrendo toda a tempada, o Deportivo Liceo deberá realizar un descarte para cumprir co máximo de 10 xogadores por convocatoria. O elixido nesta ocasión é Fran Torres.

Polo tanto, a lista queda composta polos seguintes xogadores: Martí Serra, Mati Bridge, Sito Ricart, Bruno Di Benedetto, César Carballeira, Pol Manrubia, Dava Torres, Fabri Ciocale, Àlex Rodríguez e Arnau Canal.

Deixa un comentario