CRÓNICA OK LIGA (X19) | Vibrante partido e empate (4-4)

CRÓNICA OK LIGA (X19) | Vibrante partido e empate (4-4)

A dura visita ó Palau d’Esports saldouse cun segundo empate consecutivo para o Deportivo Liceo de Juan Copa, tralo colleitado fai sete días ante o Noia. Non troca a situación clasificatoria do equipo, anclado no segundo posto grazas ó seu bo rexistro de 44 puntos sobre 57 posibles. Todo isto como preludio á súa vindeira viaxe á pista do Barça (domingo 26, 12:00h).

En canto ó partido, para empezar, as novas chegaron antes da bocina inicial en forma de baixas. O nome liceísta foi o de Fabri Ciocale, ausente de última hora por un proceso gripal. O do Reus foi Marc Julià, un dos xogadores chave do equipo que non saltou á pista por molestias.

Esta última incidencia non evitou que os homes de Jordi García saíran con todo, aproveitando un bo ambiente favorable.

Un inicio marcado polo ambiente

Tras probar o Reus a un acertado Martí Serra, César Carballeira sacou a varita e ensinou as intencións liceístas. Agarrou a bóla e, en liña recta, sorteou a rivais por pura habilidade ata chegar a un Ballart que desviou a súa definición. O meta reusense non puido facer nada no minuto 13, cando o propio dorsal 5 transformou un penalti cometido sobre Bruno Di Benedetto (0-1).

Diego Rojas foi o xogador local máis destacado tras brillar na bóla parada

Aínda empurrado polos ánimos do Palau d’Esports, o Reus continuou intentándoo ata que o logrou. Como consecuencia dun cartón azul visto por Àlex Rodríguez, Diego Rojas (substituto de Julià, lanzador principal de faltas directas) enganou a Martí Serra cun bo movemento e empatou o duelo antes do descanso (minuto 23).

Toma e daca

As verdadeiras emocións fortes, que xa é dicir, chegaron nos segundos 25 minutos de xogo. Cada golpe do Deportivo Liceo foi inmediatamente respostado por un Reus con Diego Rojas como gran estrela.

Primeiro, no minuto 29, Àlex Rodríguez (ex dos locais) anotou a pase de Dava Torres para culminar unha gran contra. Pouco durou. Tralo segundo cartón azul ó mesmo Rodríguez, Rojas batiu de novo a Martí para lograr o 2-2.

Tódolos golpes do Deportivo Liceo foron inmediatamente respostados polos homes de Jordi García

Dez minutos despois, no 39 de xogo, o cartón foi para o meta Ballart por derrubar a un Àlex protagonista de case tódalas xogadas importantes deste acto. Ingresou Martí Zapater para intentar deter a directa do número 27 verdibranco e logrouno en primeira instancia, pero non en segunda (2-3). No minuto 41 chegou a tripla de Rojas, tamén de bóla parada despois da décima infracción do Liceo.

Dava Torres tamén marcou (3-4) tras un gran pase diagonal de César con inmediata resposta de Joan Salvat (4-4).

Esa foi a tónica constante destes derradeiros 25 minutos ata que a bocina final oficializou o empate, non antes de que Martí Serra o salvara nos segundos de clausura ó parar un man a man local.

FICHA TÉCNICA

REUS: Càndid Ballart; Joan Salvat, Sergi Aragonès, Diego Rojas, Francesco Compagno (quinteto inicial), Ferran Giménez, Guillem Jansà, Pol Cabré, David Gelmà e Martí Zapater (meta suplente).

DEPORTIVO LICEO: Martí Serra; César Carballeira, Pol Manrubia, Dava Torres, Àlex Rodríguez (quinteto inicial), Sito Ricart, Bruno Di Benedetto, Arnau Canal e Mati Bridge (meta suplente).

ÁRBITROS: Ribó Navarro e Nicolás Abellán. Mostraron cartón azul a Francesco Compagno e a Càndid Ballart por parte do Reus. No Deportivo Liceo víronna Bruno Di Benedetto e Àlex Rodríguez (en dúas ocasións).

GOLES: 0-1 (César Carballeira, de penalti, min. 13). 1-1 (Diego Rojas, min. 23). 1-2 (Àlex Rodríguez, min. 29). 2-2 (Diego Rojas, min. 29). 2-3 (Àlex Rodríguez, min. 40). 3-3 (Diego Rojas, min. 41). 3-4 (Dava Torres, min. 43). 4-4 (Joan Salvat, min. 43).

OK Liga 22/23, Xornada 19. Palau d’Esports de Reus.

Deixa un comentario