PREVIA OK LIGA (X18) | Segunda gran proba en menos de 48 horas

PREVIA OK LIGA (X18) | Segunda gran proba en menos de 48 horas

Nin dous días de diferenza haberá entre dúas probas de máximo nivel. Se o Deportivo Liceo recibiu o xoves ó Benfica (3-3), este sábado fará o propio co Noia (18:00h) nunha nova xornada da OK Liga. Juan Copa e os seus xogadores deberán superar así a fatiga para sumar una hipotética novena vitoria consecutiva, manter o segundo posto e continuar a persecución ó líder.

O Liceo conta agora mesmo con 42 puntos sobre 51 posibles, un rexistro ó alcance de moi poucos. Son seis máis cós do seu rival desta fin de semana, un Noia que ocupa o cuarto posto con 36 dentro dun triple empate con Reus e Calafell.

Regreso de Pol Manrubia á lista

O dorsal 7 do Deportivo Liceo non foi quen de disputar minutos no encontro da WSE Champions League ó ser un xogador en préstamo polo propio Benfica. Este novo compromiso suporá a súa volta a unha convocatoria da que se queda fóra Fran Torres polo tope máximo de 10 integrantes.

A lista completa, polo tanto, queda composta polos seguintes homes: Martí Serra, Mati Bridge, Sito Ricart, Bruno Di Benedetto, César Carballeira, Dava Torres, Fabri Ciocale, Àlex Rodríguez, Arnau Canal e o propio Pol Manrubia.

Ante un dos grandes equipos nacionais

Falar do Noia é facelo sobre un dos clubes de maior magnitude a escala nacional, con claro protagonismo tamén na esfera europea. O conxunto dirixido por Pere Varias, como se apuntou anteriormente, é un fixo da zona alta da OK Liga e un candidato habitual a tódolos títulos.

O Noia tamén deberá recuperarse físicamente da súa xornada europea

Foi o vencedor do partido da primeira volta na pista catalá (5-3). De todos modos, e igual que lle ocorrerá ó Liceo, deberá superar a fatiga froito da súa xornada de WSE Champions League. Os catalanes recibiron o xoves a visita do Porto, co que empataron sen goles.

O Noia xunta experiencia e xuventude para unha combinación exitosa. Nomes como Xavi Costa, Eloi Mitjans ou o exliceísta Jordi Bargalló súmanse con Kyllian Gil, Martí Gabarró ou Blai Roca para un rendemento óptimo. Un resultado é ser, por exemplo, o terceiro mellor equipo da OK Liga tanto en goles a favor (68) como en contra (40).

Deixa un comentario