Imaxe: HOCKEY GLOBAL.
Con dúas vitorias seguidas encima, as semanas de dobre partido custan menos. Iso é o que lle espera ó Deportivo Liceo, que mañá martes deberá visitar ó Igualada na quinta xornada da OK Liga (21:00h, OKLIGA.TV). De pouco descanso gozará unha vez superado o compromiso tendo en conta que regresará á acción o sábado (Reus, 17:00h no Pazo dos Deportes).
Estes sete días intensos comezan cos xogadores de Juan Copa instalados na segunda posición da OK Liga. Dez puntos sobre doce posibles e só detrás do Barcelona, que polo momento conta os seus catro partidos por vitorias. En Les Comes tocará buscar un terceiro triunfo consecutivo de cor verdibranca despois dos logrados contra o Calafell (6-8) e o Voltregà (4-0).
Viaxe con tódolos dispoñibles
Con Dava Torres xa recuperado e reintegrado na rotación, Juan Copa está en disposición de contar con todo o seu plantel para tratar de sumar tres novos puntos.
Polo tanto, viaxarán a Igualada Carles Grau, Martín Garaboa, César Carballeira, Àlex Rodríguez, Jordi Burgaya, Jordi Adroher, Maxi Oruste, Roberto Di Benedetto, Marc Grau e o propio Dava. Non completará a convocatoria ningún xogador do OK Plata.
Un Igualada golpeado
Agarda o Igualada, un club histórico do hockey sobre patíns nacional. Non comezou a OK Liga, iso si, da mellor forma. Recente ten o golpe recibido na pasada xornada, cando unha posible vitoria ante o Caldes tornou en empate a falta de 41 segundos. Sen embargo, o conxunto de Xavi García conta con armas suficientes como para poñer en problemas ós verdibrancos.
En canto a datos, os cataláns ocupan actualmente o undécimo posto da clasificación tras sumar catro puntos (unha vitoria, un empate e dúas derrotas). Destaca o dos goles en contra, que lles coloca como o equipo máis superado ata o de agora (22).