CRÓNICA | Tres puntos entre a tolemia (6-8)

O Deportivo Liceo vence ó Calafell nun partido intenso e cheo de goles.

Imaxe: PAOLA PÉREZ.

Intensidade, goles e vitoria. De todo probou o Deportivo Liceo de Juan Copa, capaz de triunfar ante un correoso Calafell que ofreceu resistencia ata o derradeiro segundo do partido. Tres puntos que suman un total de sete sobre nove posibles, importantes para instalarse na zona alta da OK Liga.

Os liceístas, vestidos de negro, tardaron dous minutos en colocarse 0-2. A responsabilidade foi de Jordi Adroher, executor de dous penaltis que superaron a Xano Edo. Toda sinal dun hipotético partido cómodo foi unha ilusión. Sergi Miras, ex do club, logrou acurtar distancias (minuto 6) noutra pena máxima para manter alerta ós visitantes.

O infractor do penalti, Marc Grau, redimiuse anotando o 1-3 cun bo disparo lonxano que inaugurou a veda dun partido oficialmente tolo. Gabarró empatou para o Calafell en cuestión de cinco minutos e, cando restaban tres segundos para o descanso, Roberto Di Benedetto marcou o 3-4 tras unha excelente xogada individual. Todo isto despois dun festival de azuis que, ó final do encontro, quedarían nun total de cinco.

Un Adroher estelar

O guion do regreso foi idéntico. Intensidade, loita e un home chamado Jordi Adroher con ganas de marcar goles. En cuestión doutros dous minutos (31 e 32) o veterán xogador anotou outro par para colocar o 3-6. Un de penalti e outro en xogada individual. Permitiu ó Deportivo Liceo escaparse no marcador, aínda que o Calafell de Ferran López non baixou os brazos.

Os locais loitaron e atoparon a Carles Grau, que detivo unha falta directa a Martí Gabarró. Posteriormente, os verdibrancos elevaron o marcador a 3-8 grazas a Jordi Burgaya e Maxi Oruste (primeiros goles de ambos na presente OK Liga). Chegou tarde o acerto do Calafell, a pesar de que tivo tempo para adornar ese 3-8 en forma do 6-8 definitivo.

O Deportivo Liceo regresará á OK Liga coa visita a Riazor do CP Voltregà (sábado 9, 20:00h, HOCKEY GLOBAL).

FICHA TÉCNICA

CALAFELL: Xano Edo; Jordi Ferrer, Joan Escala, Humberto Mendes, Sergi Miras (quinteto inicial), Arnau Xaus, Oriol Palau, Aleix Ordóñez e Martí Gabarró.

DEPORTIVO LICEO: Carles Grau; César Carballeira, Marc Grau, Jordi Adroher, Roberto Di Benedetto (quinteto inicial), Maxi Oruste, Jordi Burgaya e Àlex Rodríguez.

ÁRBITROS: López Expósito e Cantos Bonales. Mostraron cartón azul ós locais Humberto Mendes, Arnau Xaus, Sergi Miras e Joan Escala. Por parte do Deportivo Liceo viuno Roberto Di Benedetto.

GOLES: 0-1 (Jordi Adroher, penalti, min. 1). 0-2 (Jordi Adroher, penalti, min. 2). 1-2 (Sergi Miras, penalti, min. 6). 1-3 (Marc Grau, min. 8). 2-3 (Martí Gabarró, min. 16). 3-3 (Martí Gabarró, min. 20). 3-4 (Roberto Di Benedetto, min. 25). 3-5 (Jordi Adroher, penalti, min. 31). 3-6 (Jordi Adroher, min. 32). 3-7 (Jordi Burgaya, min. 37). 3-8 (Maxi Oruste, min. 38). 4-8 (Sergi Miras, penalti, min. 41). 5-8 (Jordi Ferrer, min. 41). 6-8 (Arnau Xaus, min. 49).

Xornada 3 da OK Liga 21/22. Pavelló Municipal Joan Ortoll (Calafell).

Share on facebook
Share on twitter
Share on linkedin
Share on pinterest

Deixa un comentario