PREVIA OK LIGA (X1) | Deberes pendentes

PREVIA OK LIGA (X1) | Deberes pendentes

Imaxe: HOCKEY GLOBAL.

Despois de empezar pola segunda, toca a primeira. Con esa curiosa orde de xornadas vive o Deportivo Liceo, estreado xa na OK Liga e desexoso de continuar no seu partido adiado fronte ó Lleida (xoves 30, 21:00h, OKLIGA.TV). Será tras triunfar na data inicial cun 3-1 ó Girona e reatoparse coa ruidosa afección do Pazo dos Deportes.

A estancia en Cataluña durará até o domingo, xa que o sábado haberá outro compromiso ligueiro. Será ás 19:30h ante o Calafell, correspondente á terceira xornada. Polo tanto, Juan Copa e os seus homes disputarán dous con apenas 48 horas de diferenza.

Sen novidades de plantel

A expedición que vivirá varios días en terras catalanas non sufrirá ningún troco con respecto á do partido contra o Girona. Dava Torres permanecerá de baixa debido ás súas dolencias e Nanu Castro, novamente, completará o listado.

Nanu Castro completará de novo a expedición do primeiro equipo. Imaxe: HOCKEY GLOBAL.

Por conseguinte, ademáis de co xogador do OK Plata, Juan Copa poderá contar con Carles Grau, Martín Garaboa, César Carballeira, Roberto Di Benedetto, Jordi Burgaya, Marc Grau, Maxi Oruste, Àlex Rodríguez e Jordi Adroher.

Cos dous ollos nun forte Lleida

Pouco que descubrir ten o Lleida Llista Blava, un dos equipos que mellor forma amosou nos tempos recentes. O quinto clasificado da OK Liga 20/21 recibirá ó Liceo nun Poliesportiu de Bell-lloc que xa viu caer ós verdibrancos, así que a dificultade do duelo será máxima. Ocorreu na xornada final da competición e mediante un 3-0 con dous goles de Oriol Vives (máximo anotador do curso) e outro de Joan Cañellas.

Eles mesmos son dous dos xogadores que continúan no bloque sólido dirixido por Albert Folguera, recente campión da Europe Cup por terceira vez. O preparador terá á súa disposición a máis efectivos do pasado como Bruno Di Benedetto, antigo home do Liceo e irmán de Roberto; ademáis de a Andreu Tomàs (segundo mellor goleador da 20/21) ou ó meta Martí Serra.

O cadro catalán afrontará o seu segundo compromiso, ó igual que no caso coruñés, despois de triunfar na xornada inicial. Iso di a súa vitoria ante o Alcobendas, recén ascendido á OK Liga (4-7).

Deixa un comentario