PREVIA OK LIGA 20/21 (X22) | Volta á actividade

PREVIA OK LIGA 20/21 (X22) | Volta á actividade

Imaxe: HOCKEY GLOBAL (Mónica Arcay).

Unha nova píldora dunha tempada impredecible. O Deportivo Liceo regresará á competición oficial por primeira vez en dúas semanas, despois de que o Palafrugell anunciara un positivo en COVID-19. Tras este cambio de plans, que impediu a disputa da xornada 21, Juan Copa e os seus xogadores están preparados para recibir ó CH Lloret na 22 (sábado 6, 19:30h, HOCKEY GLOBAL) dentro dun Riazor poboado por 250 liceístas. É o número máximo de público permitido nas circunstancias actuais de pandemia.

“Nestas cousas, o primeiro é sempre desexar que o xogador se recupere o antes posible. Así llo transmitimos. Xa coñecemos o momento no que estamos. Oxalá non volva a pasar, polo ben de todos”, declarou Copa en HOCKEY GLOBAL. En termos deportivos o seu Liceo continúa na segunda posición da clasificación con 52 puntos, a pesar da ausencia da pasada data, pero a distancia con respecto ó liderado aumentou. O Barcelona é agora primeiro con 58 unidades e seis de vantaxe, aínda que evidentemente cun partido disputado máis. Sen embargo, o escenario é o mesmo: gañar para continuar unha persecución que durará ata o final, acabe como acabe.

O Deportivo Liceo, emparellado co Barcelona e co Porto na Liga Europea, afrontará esta nova xornada de OK Liga con todo o plantel dispoñible. Será un encontro especial para Carles Grau, meta menos goleado da competición: “O Lloret é o equipo da miña vida, estiven aí ata os 18 anos. Sempre é bonito xogar contra eles. Fixeron un equipo moi novo cun par de veteráns, con moi bo resultado”, declarou a HOCKEY GLOBAL.

Un Lloret de futuro

Como ben apuntou Grau, o conxunto dirixido por Xavi Albet caracterízase pola súa xuventude. Moi Aguirre (28), Marc Gómez (31) e David Plaza (38) son as únicas excepcións dun plantel repleto de xogadores comprendidos entre os 20 e os 25 anos. Marc González é, de feito, un dos mellores goleadores de toda a OK Liga. O xogador de 21 anos, que xa sabe o que é marcarlle ó Liceo, só é superado por seis homes nese sentido.

É unha das razóns da boa tempada do Lloret, actualmente fóra do descenso directo grazas á súa décima posición (22 puntos). Juan Copa, como Carles Grau, tamén amosou o seu respeto ante este rival: “É outro dos equipos sorpresa do ano”. A primeira volta xa trouxo un difícil partido no Pavelló Municipal de Lloret, a pesar da posterior vitoria por 2-4.

Deixa un comentario