PREVIA OK LIGA (X10) | A oportunidade de tomar terra

PREVIA OK LIGA (X10) | A oportunidade de tomar terra

Imaxe: Hockey Global (Mónica Arcay).

O Deportivo Liceo non só gañou todo ata o momento, senón que viu como os seus rivais polo campionato tropezaron varias veces nesta carreira de fondo. O exemplo máis recente é o empate entre o Barcelona e o Reus (3-3), un resultado excelente para os intereses liceístas que ofrece aínda máis incentivos para continuar sumando triunfos.

O noveno consecutivo está ó alcance da man, así que a cancha do Noia (sábado 28, 20:30h, OKLIGA.TV) pode ofrecer esa oportunidade para tomar terra de por medio. De todas maneras, non son un rival e unha pista precisamente sinxelos.

O propio Juan Copa, técnico do Liceo, non é amigo de confiarse, senón de vivir o presente e afrontar cada proba sen mirar ó pasado: “Non vemos máis aló do seguinte partido, calquera outra cousa sería un erro. Temos o exemplo do ano pasado. Isto é moi longo, non chegamos nin sequera ó primeiro terzo da tempada e sabemos contra quen competimos. A OK Liga subiu de nivel e podes perder contra calquera se non fas as cousas ben ou non respetas ó rival. Non queremos equivocarnos e iso é o que lle transmito ós xogadores”, declarou Copa ó diario DXT.

Os liceístas continúan líderes invictos con 24 puntos de 24 posibles, dous máis có Barça (22) e catro máis có Reus e o Lleida (20). Xa de por si é unha boa vantaxe, pero cun matiz que lle da aínda máis valor: que o Deportivo Liceo disputou un partido menos que os seus tres rivais. No mellor dos casos, a distancia entre o equipo coruñés e o culé, trasatlántico da OK Liga, podería aumentar a 5 puntos unha vez se igualen os pasos de ambos.

Recuperación de Roberto Di Benedetto

O conxunto coruñés conta coa boa nova que supón o regreso de Roberto Di Benedetto, ausente nos últimos partidos por unhas molestias na espalda. Xa desaparecidas, o segundo máximo realizador do Deportivo Liceo poderá ser da partida para Copa.

Un Noia liderado por Ferran López e Xavi Costa

Espera o CE Noia Freixenet, un clásico da OK Liga que actualmente ocupa a sexta posición da clasificación. Juan Copa, tamén en declaracións a DXT, mostrou o seu respeto por un gran rival: “É unha pista dificilísima e un gran equipo, de nivel Champions. O Noia compite moi ben contra os grandes e ten un adestrador que vai levarnos ó límite a nivel táctico”.

Ese adestrador é Ferran López, regresado ó equipo catalán durante o verán, e que entre outros activos conta co segundo máximo realizador de toda a OK Liga: o veterán Xavi Costa, autor de 14 goles en 9 encontros, só superado por Raúl Marín (Reus). Roc Pujadas, incorporación do Noia durante o período estival e responsable de 7 dianas, é outro dos nombres que máis resultados lle está ofrecendo a López.

Deixa un comentario