Os árbitros desesperan a Juan Copa

Os árbitros desesperan a Juan Copa

Juan Copa era, ao final do choque ante o Lleida, un técnico igual de satisfeito que de enfadado. Consciente da importancia da vitoria e do tremendo esforzo realizado polos seus, o preparador liceísta cargou duramente contra a actuación arbitral de Maior e López-Leytón.

“Vimos de Europa e dunha primeira parte que alí foi tremenda, imos a todos os sitios e sempre é o mesmo. A nós, fóra de casa, non nos dan esas opcións de meternos no partido”, lamentou o herculino, en referencia ás dúas accións polémicas do final do choque –azul a Dava e o gol visitante tras tocar no patín- do pasado mércores, e que provocaron que o DeportivoLiceo tivese que sufrir nos instantes finais para levar unha vitoria que tiña no peto tras os goles de Bridge na primeira parte.

“Nós non fixemos nada no inicio do partido, si equivócanse eles, equivócanse eles, pero o certo é que logo lles pitan para compensar. Hai un penalti clarísimo a Bruno, no gol a para co patín, e despois a azul”, lembra Copa.

Sabedor de que o choque era e estaba complicado, o técnico local lembrou que “a mensaxe no último adestramento para o persoal foi só unha cousa: gañar. Por que, porque vimos dunha viaxe de Italia que xa se viu hoxe, faltáronnos forzas. 20 horas para ir e 20 horas para volver ante un equipo que descansou o fin de semana. Era unha partido trampa. Creo que fixemos unha primeira parte bastante boa, con 2-0, e quizais podiamos levar algún gol máis”.

Co encontro máis que controlado, Copa recoñece que o seu equipo concedeu demasiadas transicións tras o descanso. “Na segunda parte, e ante un equipo que non quería máis nada que collernos ao contragolpe, aprendemos a controlar o partido, pero ao comezo deixamos que nos corresen en varias accións”.

Con todo iso, Copa lamenta os minutos finais e as decisións arbitrais. “Mágoa esa última azul porque estaba o partido para 2-0 e do mesmo xeito que en Cadafell, que o gol que lles conceden non entrou, dálles a opción de sacar ao quinto xogador e aí pode pasar calquera cousa”.

Superado o susto, o técnico liceísta restou importancia ao feito de comandar a táboa a estas alturas da competición. “Mais alá de ir de ir líderes, o que queremos é ser mellores cada xornada. Sabemos que estamos nunha semana tremenda, co partido de Forte, e agora Igualada, pero toca descansar, adestrar mañá e prepararnos para outra batalla o sábado”.

Deja un comentario