CRÓNICA AMISTOSO | Acerto para rematar a pretempada (9-4)

CRÓNICA AMISTOSO | Acerto para rematar a pretempada (9-4)

17 de setembro de 2023


O Deportivo Liceo vence ó Hockey Rivas, recén ascendido a OK Liga, e mira xa á Supercopa de España.

Rematou a Pretempada 2023 e fíxoo de xeito inmellorable. O Deportivo Liceo de Juan Copa superou ó Hockey Rivas (recén ascendido á OK Liga) cun contundente triunfo que xa no descanso parecía encarrilado.

A mente está xa ó 100% na Supercopa de España, o primeiro título oficial do curso 23/24. O sábado 23 ás 16:00h será a data para o encontro de semifinais contra o Reus, a disputarse no Pavelló Olímpic da mesma cidade.

Superioridade xeral

Neste último amigable, os Liceístas non tardaron moito en demostrar a súa superioridade. Ós cinco minutos xa gañaban por 3-0. Primeiro anotou Dava Torres a pase de Sito desde a dereita, e posteriormente o propio dorsal 2 trocou en goleador. O terceiro tamén foi do capitán, que rematou unha gran xogada colectiva.

Fran Torres anotou dous dos nove goles verdibrancos. Imaxe: MANU BOUTUREIRA.

O conxunto madrileño rebelouse cun gol de penalti de Bernat Yeste, pero pouco cambiou o guión. Tiago Rodrigues non foi esixido. Fran Torres respondeu inmediatamente a Yeste cun golazo individual que significou o 4-1. Recibiu a pelota na esquerda, avanzou en solitario superando rivais e enganou ó porteiro Castañer.

Tamén se uniu Tomás Pereira cun novo gol para o seu rexistro. Aínda que o Liceo baixou algunha marcha desde este último, o Rivas non xerou moito perigo. Logrou, iso si, mediante Joseph, o 6-2 que chegaría ó descanso.

Tiago Rodrigues foi o meta liceísta na primeira parte, sendo a segunda para Martí Serra. Imaxe: MANU BOUTUREIRA.

Unha segunda metade máis igualada

Con Martí Serra na portería liceísta para o novo acto, o xogo equilibrouse máis. Converteuse nun intercambio de golpes que, aínda así, deixou como gañadores ós de Juan Copa. Dava Torres anotou o seu hat trick para inaugurar a conta da segunda parte e Tombita seguiuno. Despois chegou o acerto do Rivas, que sumou dous para achegarse co seu 7-4 (Sergio Martín e Sergi García).

Pouca historia deixou ese lixeiro achegamento. Pablo Cancela continuou co seu bo momento goleador cun tiro directo e un misil imparable para pechar o partido cun 9-4.

FICHA TÉCNICA

DEPORTIVO LICEO: Tiago Rodrigues; Sito Ricart, César Carballeira, Dava Torres, Pablo Cancela (quinteto inicial), Fran Torres, Tomás Pereira, Fabri Ciocale e Martí Serra (meta suplente).

HOCKEY RIVAS: Marc Castañer; Bernat Yeste, Alex Joseph, Curro Fernández, Sergi García (quinteto inicial), Gerard Escola, Sergio Martín, Adrián Pos, Miguel Cañadillas e Jorge Nájera (meta suplente).

TARXETAS: Azul para Gerard Escola por parte do Hockey Rivas (minuto 43).

GOLES: 1-0 (Dava Torres, min. 3). 2-0 (Sito Ricart, min. 3). 3-0 (Dava Torres, min. 5). 3-1 (Bernat Yeste, min. 9). 4-1 (Fran Torres, min. 11). 5-1 (Tomás Pereira, min. 13). 5-2 (Alex Joseph, min. 24). 6-2 (Dava Torres, min. 28). 7-2 (Fran Torres, min. 36). 7-3 (Sergi García, min. 38). 7-4 (Sergio Martín, min. 41). 8-4 (Pablo Cancela, min. 43). 9-4 (Pablo Cancela, min. 48).

Pretempada 2023. Último partido amistoso. Pazo dos Deportes de Riazor (A Coruña).

Deixa un comentario