CRÓNICA OK LIGA (Cuartos de Final, Partido 1) | O primeiro paso (5-2)

CRÓNICA OK LIGA (Cuartos de Final, Partido 1) | O primeiro paso (5-2)

19 de maio de 2024


Imaxe: MANU BOUTUREIRA.

O Deportivo Liceo de Juan Copa supera a un duro e combativo Voltregà para apuntarse o primeiro tanto da eliminatoria.

O sábado 25 ás 20:00h, en terras catalanas, celebrarase o segundo partido. Unha vitoria liceísta suporía o pase a semifinais.

Triunfo tan importante como complicado, a pesar do marcador. O Deportivo Liceo de Juan Copa conseguiu poñerse por diante nos Cuartos de Final polo título da OK Liga, todo tras vencer a un Voltregà que vendeu moi cara a súa pel. O equipo verdibranco colócase así nunha posición privilexiada, xa que disporá de ata dúas oportunidades para avanzar a semifinais.

A primeira delas será en Sant Hipòlit o vindeiro sábado 25 ás 20:00h e, en caso de vitoria branquiazul, a rolda volvería á Coruña o día 28. Con esa hipotética proba remataría esta eliminatoria ó mellor de tres.

Contra a defensa branquiazul

Había que remar desde o principio e demostrouse no mesmo segundo minuto de partido. Aí foi cando Jordi Burgaya, exliceísta, aproveitou un desaxuste para anotar o 0-1 inicial. O seu man a man enganou a Martí Serra e esixiu unha reacción ós verdibrancos, que na primeira parte intentaron de todo para superar ó meta Oriol Codony.

Imaxe: MANU BOUTUREIRA.

A zaga do Voltregà actuou ben e de forma organizada ante os numerosos ataques do conxunto liceísta, aínda que só era cuestión de tempo que esta superioridade dera os seus froitos. Despois de dous importantes intentos de Dava Torres, capitán que por fin volveu ó equipo, Pablo Cancela conseguiu empatar o partido cando o reloxo marcaba os once minutos de xogo. Recolleu unha bóla na frontal da área, disparou e superou a densa barreira catalana para atopar a rede.

A igualdade estableceuse pero aínda quedaba moito por dicir. Pouco despois da igualada do Voltregà, Humbert Serra aproveitou un pase filtrado de Gerard Teixidó para recuperar a vantaxe visitante (1-2). E, entón, volveu o guión posterior ó 0-1. Un Liceo moi voluntarioso que se esforzou a tope para atopar ocos entre os seus rivais.

Un regreso espectacular

Os da Coruña retornaron á segunda parte conscientes do que había que facer e fixérono. Ademais ós poucos segundos. César Carballeira recibiu unha bóla no medio da pista e, unha vez máis, logrou convertela en gol. Normalizando o extraordinario.

Moi pouco despois Teixidó rozou o empate do Voltregà. Só o evitou un dos paus de Martí Serra. Nese contraataque, tamén dirixido en última instancia por César, Dava recibiu un pase do 5 e culminou a remontada. Delirio en Riazor, cheo de liceístas para animar ó equipo.

César completou de novo un gran partido. Imaxe: MANU BOUTUREIRA.

O cadro dirixido por Jefa Rovira non se rendeu. Tampouco despois de case encaixar o 4-2. Con todo, a boa defensa que mostraron nos primeiros 25 minutos pasou a ser propiedade do Liceo. Os cataláns empuxaron en ataque e probaron a súa propia medicina, ademais de desaproveitar unha directa mediante o goleador Burgaya. Todo iso mentres os de Copa aproveitaban calquera resquicio de contraataque para matar o encontro.

Así acabou ocorrendo. César volveu asistir e Sito Ricart encarreirou o primeiro punto da eliminatoria co 4-2 (minuto 49). O 5-2 definitivo, obra de novo de Dava Torres, xa colleu ós de Rovira con cinco de pista. Un gran triunfo para avanzar cara ó obxectivo.

FICHA TÉCNICA

DEPORTIVO LICEO: Martí Serra; Sito Ricart, César Carballeira, Dava Torres, Fabri Ciocale (quinteto inicial), Tomás Pereira, Bruno Saavedra, Fran Torres, Pablo Cancela e Tiago Rodrigues (meta suplente).

VOLTREGÀ: Oriol Codony; Èric Vargas, Jordi Burgaya, Gerard Teixidó, Àlex Rodríguez (quinteto inicial), Lluc Sitjjà, Aleix Molas, Humbert Serra, Pau Roquet e Miquel Estrada (meta suplente).

ÁRBITROS: Miguel Díaz Cosme e Jonathan Sánchez García. Mostraron taxeta azul a Àlex Rodríguez por parte do Voltregà.

GOLES: 0-1 (Jordi Burgaya, min. 2). 1-1 (Pablo Cancela, min. 11). 1-2 (Humbert Serra, min. 16). 2-2 (César Carballeira, min. 26). 3-2 (Dava Torres, min. 27). 4-2 (Sito Ricart, min. 49). 5-2 (Dava Torres, min. 50).

OK Liga 23/24. Cuartos de Final do playoff polo título, Partido 1. Pazo dos Deportes de Riazor (A Coruña).

Deixa un comentario