CRÓNICA | O segundo acto condena ó Liceo

CRÓNICA | O segundo acto condena ó Liceo

Imaxe: DAVID VALIENTE.

A defensa do título de Supercopa de 2021 non chegou a bo porto. Un máis que novo Deportivo Liceo foi superado polo Reus tras unha segunda metade pouco afortunada que impide a presenza na final deste ano. Un golpe do que Juan Copa e os seus xogadores se repoñerán para afrontar do mellor xeito posible a OK Liga 22/23, a comezar o vindeiro 10 de setembro.

A falta de que o novo bloque remate o pulimento, no Pavelló d’Esports de Olot destacaron individualismos durante unha primeira metade positiva. Esas foron as actuacións de Martí Serra (debutante) e Dava Torres. O primeiro mantivo inútiles desde o principio as ofensivas reusenses e o segundo, por tan só nomear unha acción, encargouse de anotar o 1-0 (minuto 7) tras un bo roubo do regresado Bruno Di Benedetto.

Dava Torres e Martí Serra foron os nomes propios dunha positiva primeira metade

O Deportivo Liceo, durante o acto inicial, fabricou máis perigo que un rival desesperado ante as continuas paradas de Serra. Fora por reflexos, colocación ou con axuda dos ferros, o meta da selección española amosou a súa calidade.

Cando o Reus logrou medrar, fixo presenza de novo a figura do dorsal número 8. Dava Torres avanzou polo costado dereito do ataque, viu ó estreado Sito Ricart e serviulle o 2-0. Ocorreu a falta dun minuto para o descanso.

Despertar dun Reus comandado por Julià

Os segundos 25 minutos mostraron a un rival con máis propensión ó risco. Para ben e para mal. Igual que Aragonès rozou o 2-1 ó regresar a pista, Dava Torres estivo a centímetros de sentenciar cun man a man que petou no pau de Ballart. O meta reusense recollería o papel de Serra durante a metade final como animador de meta.

Tras iso, quince minutos fatais condenaron ó Deportivo Liceo a eliminación. Comezaron co 2-1 de David Gelmà, pouco afortunado para o porteiro local. Instantes despois, Marc Julià inauguraría o seu espectáculo ó empatar cun disparo lonxano. A remontada rematou cando, tras un cartón azul a César, o propio dorsal 15 venceu na directa a Mati Bridge (ingresado para a xogada) para marcar o 2-3.

A reacción liceísta non foi suficiente. Asumindo máis riscos, Compagno encargouse de finiquitar o partido (2-4) e o pase do Reus á final do sábado.

FICHA TÉCNICA

DEPORTIVO LICEO: Martí Serra; Bruno Di Benedetto, César Carballeira, Dava Torres, Àlex Rodríguez (quinteto inicial), Sito Ricart, Fabri Ciocale, Fran Torres, Arnau Canal e Mati Bridge (meta suplente).

REUS: Càndid Ballart; Ferran Giménez, Marc Julià, Francesco Compagno, David Gelmà (quinteto inicial), Joan Salvat, Sergi Aragonès, Guillem Jansà, Diego Rojas e Martí Zapater (meta suplente).

ÁRBITROS: Barba Gómez-Álvarez e Escobar López. Mostraron cartón azul ó verdibranco César Carballeira.

GOLES: 1-0 (Dava Torres, min. 7). 2-0 (Sito Ricart, min. 24). 2-1 (David Gelmà, min. 35). 2-2 (Marc Julià, min. 36). 2-3 (Marc Julià, falta directa, min. 41). 2-4 (Francesco Compagno, min. 45).

Supercopa 2022, Semifinal. Pavelló d’Esports de Olot.

Deixa un comentario