PREVIA SUPERCOPA 2022 | Defensa de galardón para volver á acción

PREVIA SUPERCOPA 2022 | Defensa de galardón para volver á acción

O curso 22/23 está a moi poucas horas de ser unha realidade. Unha nova aventura que comezará coa disputa da Supercopa de España. O Pavelló d’Esports de Olot será o centro neurálxico do hockey nacional durante os días 2 e 3 de setembro, tempo no que catro equipos buscarán o ansiado primeiro título da tempada.

Un deles será o renovado Deportivo Liceo de Juan Copa, presente na competición tras coroarse como campión da OK Liga fai escasos meses. Acudirá, ademáis, coa tarefa de defender un galardón que xa logrou fai un ano tras vencer na final ó Barça. O conxunto culé repetirá participación nesta nova edición, completada polo Noia (o seu contendente na segunda semifinal) e polo Reus.

O Deportivo Liceo deberá vencer ó Reus para acceder á final polo trofeo (venres 2, 18:30h)

Este último, cun bloque continuista liderado por Marc Julià, Joan Salvat ou Raúl Marín, será o rival dos verdibrancos na semifinal que se disputará o venres 2 ás 18:30h. En caso de triunfo, a hipotética final xogaríase o sábado 3 ás 20:45h. A plataforma OKLIGA.TV encargarase de retransmitir tódolos encontros da Supercopa.

Juan Copa, líder desta nova era no club, falou en Radio Marca Coruña sobre a ilusión do novo Liceo. A meta continúa sendo innegociable: “Loitar. É o obxectivo que temos”. Iso é o que fará o equipo durante a nova tempada, sexa cal sexa o resultado.

Viaxe con tódolos xogadores dispoñibles

O técnico coruñés poderá contar coa totalidade do seu plantel, marcado polas numerosas incorporacións realizadas durante o verán.

Viaxarán a Olot os porteiros Martí Serra (nova fichaje) e Mati Bridge (promocionado do filial), ademáis de Dava Torres, César Carballeira, Àlex Rodríguez (os tres veteráns do curso 21/22), Sito Ricart, Arnau Canal (novas fichaxes), Bruno Di Benedetto, Fabri Ciocale (regresan ó Liceo) e Fran Torres (promocionado do filial).

Valongo (imaxe), Oliveirense e Porto foron os rivais do Deportivo Liceo durante a pretempada. Foto: ALBA TARRÉS.

Unha camada que completou unha pretempada de alto nivel, con xira en Portugal incluida contra Porto, Valongo e Oliveirense. Aínda así, resta moito por facer. Juan Copa é consciente diso, tal e como manifestou en Radio Marca Coruña: “Rematamos unha etapa e empezamos outra. Estou moi contento coa pretempada e coa actitude dos chicos. O equipo é completamente novo e iso indica que hai moito traballo por diante”.

Engade Copa un eloxio ó novo papel de Dava Torres, César e Àlex: “Os que quedaron, que son xogadores top, están axudando moito ó resto para que se acoplen o antes posible”. Tamén asegura que o paso do tempo ofrecerá a un mellor Liceo: “Por lóxica, o equipo irá de menos a máis co paso dos adestramentos”.

De momento, a Supercopa será a primeira proba antes de que a seguinte fin de semana abra a porta da OK Liga 22/23.

Deixa un comentario