4 de xaneiro de 2025
Imaxe: MANU BOUTUREIRA.
O Reus vence na súa visita ó Pazo dos Deportes, que aínda así presentou un grandísimo ambiente.
O inicio de 2025 non foi o mellor a pesar do gran ambiente vivido nun Riazor cheo de Liceístas. O Reus Deportiu foi o vencedor do enfrontamento co Deportivo Liceo, un que xuntaba a dous dos punteiros da Fase Regular de OK Liga. Os de Juan Copa son agora mesmo terceiros con 24 puntos, 5 máis có cuarto (con partido pendente) e dous menos có propio Reus.
Non foi o mellor resultado ó final nin ó principio, cando o exliceísta Maxi Oruste logrou colocar 0-2 ó equipo de Jordi García. Nada disto implicou un mal partido do Liceo, intenso tanto en ataque como en defensa, pero con menos acerto có seu rival. Dava Torres gozou da máis clara no primeiro acto da parte inicial, pero Càndid Ballart mantívose enorme.
Reacción para empatar
Os intentos terminaron dando froitos para os verdibrancos, que co nome propio de Jacobo Copa conseguiron igualar o marcador. O 7 liceísta foi obxecto dun penalti que transformou Dava para o 1-2, e posteriormente foi o propio autor do 2-2 ó aproveitar un rexeite de Ballart. O descanso chegou con números xustos para o visto na pista, aínda que todavía restaban 25 minutos de acción por diante.


Mandou o acerto do Reus
Ese tramo foi o que decantou a balanza a favor dos de vermello e negro. O segundo acto empezou como rematou o primeiro: cunha intensidade endiablada que non permitía ningunha falta de concentración. A punto estivo Fabri Ciocale de adiantar por primeira vez ó Liceo, pero foi Joan Salvat, o capitán do Reus, quen golpeou a mesa.
O 5 visitante anotou dúas dianas en cuestión dun minuto. Un duro correctivo para os de Riazor, que aínda así continuaron as súas embestidas. Tanto a defensa rival como a actuación de Ballart foron chave para que se mantivera ese 2-4 parcial, que acabaría sendo 2-5 tralo gol final de Martí Casas. O 18 aproveitou un contraataque para sentenciar.
Ó Liceo agárdalle agora regresar a Riazor, pero en proba europea. O xoves 9 ás 20:30h será a hora na que recibirá ó Benfica portugués. Pola súa parte, a OK Liga volverá o domingo 12 ás 12:30h coa visita ó Voltregà.
FICHA TÉCNICA
DEPORTIVO LICEO: Martí Serra; Arnau Xaus, César Carballeira, Dava Torres, Fabri Ciocale (quinteto inicial), Nil Cervera, Jacobo Copa, Bruno Saavedra, Jaime Méndez e Martín Rodríguez (meta suplente).
REUS DEPORTIU: Càndid Ballart; Joan Salvat, Maxi Oruste, Marc Julià, Martí Casas (quinteto inicial), Ferran Giménez, Diego Rojas, Carles Casas, Guillem Jansà e Nil Viña (meta suplente).
ÁRBITROS: Miguel Díaz Cosme e Albert Barba Gómez-Álvarez. Mostraron tarxeta azul a Dava Torres por parte do Deportivo Liceo.
GOLES: 0-1 (Maxi Oruste, min. 3). 0-2 (Maxi Oruste, min. 11). 1-2 (Dava Torres, penalti, min. 11). 2-2 (Jacobo Copa, min. 19). 2-3 (Joan Salvat, min. 34). 2-4 (Joan Salvat, min. 35). 2-5 (Martí Casas, min. 45).
INCIDENCIAS: Xornada 12 da OK Liga 24/25. Pazo dos Deportes de Riazor (A Coruña)