CRÓNICA OK LIGA (X18) | Este equipo nunca marchou (4-0)

CRÓNICA OK LIGA (X18) | Este equipo nunca marchou (4-0)

11 de febreiro de 2024


César Carballeira anota un novo hat trick na vitoria do Deportivo Liceo sobre o Mataró, terceira seguida da competición. IMAXE: MANU BOUTUREIRA.

As boas augas volven ó cauce do Deportivo Liceo, vencedor con autoridade do seu duelo contra o Mataró. Logrou a vitoria seguida número 3 na OK Liga para colocarse terceiro de forma provisional con 29 puntos, á espera de que se complete a 18ª xornada de Fase Regular. Tres puntos de premio nun partido dominado practicamente de principio a fin polo equipo de Juan Copa.

A flechiña para arriba

Pasaron catro minutos de choque ata que chegaron as primeiras boas novas. A cor verdibranca comezou a imporse cando César, para celebrar o seu aniversario do día anterior, anotou o 1-0 desde o punto de penalti. O penalti foi cometido pola defensa visitante despois de deter ilegalmente a Fabri. O gol parou un inicio ambicioso do colista Mataró, que a partir dese momento foi por momentos acorralado.

María de Valdés, que disputará os Xogos Olímpicos de París, realizou o saque de honra e recibiu unha camiseta de parte do plantel liceísta. IMAXE: MANU BOUTUREIRA.

O número 5 apuntou o seu dobrete particular no minuto 12, o que xa impulsou ó conxunto catalán a buscar cotas maiores. Non o fixo mal. Martí Serra, responsable hoxe dos tres paus liceístas, tivo que traballar duro en varios achegamentos.

Os de Juan Copa, a pesar desta reacción, seguiron co seu. Buscaron o terceiro e case o conseguiron en varias ocasións. Primeiro rozárono Fran Torres e Tomás Pereira en xogadas practicamente consecutivas, rematando ambas con remates desde dentro da área desviados por escasos centímetros. A Tombita, posteriormente, tamén lle anularon un gol (segundo os árbitros, por apoiarse co brazo para controlar a bóla).

Novo triplete para o 5

Pouco influiu ese tanto invalidado porque o dominio do Deportivo Liceo volveu ser total. Non só no xogo, senón tamén no marcador. O mesmo que mostrou o segundo hat trick consecutivo na liga para César Carballeira, conseguido despois de transformar unha pena máxima cometida por Pablo Cancela (3-0, minuto 33).

César anotou tres goles por segundo partido de OK Liga consecutivo, tralos logrados fai unha semana ante o Sant Just

Cancela foi precisamente o autor do 4-0 no minuto 38. Recibiu un bo pase de Guido desde a esquerda, rematou e a bóla petou no traveseiro antes de botar dentro da meta de Grané. Ese foi o resultado que chegou ó final, cun 0 mérito de Martí Serra. O dorsal 10 liceísta mantívose enorme sempre que o ataque do Mataró conseguía chegar á área.

Tras esta nova alegría, Juan Copa e os seus homes céntranse xa no próximo compromiso da OK Liga. Será na pista do Caldes (sábado 17, 20:00h).

FICHA TÉCNICA

DEPORTIVO LICEO: Martí Serra; Sito Ricart, César Carballeira, Dava Torres, Fabri Ciocale (quinteto inicial), Tomás Pereira, Fran Torres, Pablo Cancela, Guido Pellizzari e Tiago Rodrigues (meta suplente).

MATARÓ: Sergi Grané; Gerard Cusachs, Jordi Pérez, Xavi Burguillos, Abel Moya (quinteto inicial), Oriol Lladó, Marc Ollé, Guillem Carbonell, Lluc Vilà e Pau Castella (meta suplente).

ÁRBITROS: Sergi Mayor Oliván e Álvaro de la Hera Jáudenes. Sen tarxetas.

GOLES: 1-0 (César Carballeira de penalti, min. 4). 2-0 (César Carballeira, min. 12). 3-0 (César Carballeira de penalti, min. 33). 4-0 (Pablo Cancela, min. 38).

OK Liga 23/24. Xornada 18 da Fase Regular. Pazo dos Deportes de Riazor (A Coruña).

Deixa un comentario