16 de febreiro de 2025
O equipo celebra o gol inicial de Dava Torres. Imaxe: MANU BOUTUREIRA.
O Deportivo Liceo vence a un duro Igualada para continuar na segunda praza da Fase Regular.
O Liceo de Juan Copa regresou rápidamente á senda da vitoria grazas ós tres puntos sumados ante o Igualada no mediodía do domingo. Recuperación ó instante para os verdibrancos, que continúan na segunda praza da Fase Regular con cada vez menos datas para a súa finalización. Todo iso ante un Riazor que, un día más, mostrou a súa enerxía.
Foi a que empurrou ó Deportivo Liceo nada máis comezar o duelo, un que pronto ofreceu un bo disparo ó pau por parte de Nil Cervera. Logo chegou unha igualdade que duraría pouco, posto que os galegos se fixeron donos do guion. O meta Guillem Torrents, do Igualada, debeu emplearse a fondo no que rematou sendo un asedio.
Superioridade ante un bloque rocoso
Os homes de Marc Muntané resistiron ben todas esas acometidas. Tamén unha falta directa produto da azul vista por Marc Carol. Non puido superar Xaus a Torrents, aínda que o power play resultante empezou a inclinar a balanza a favor dos locais.


Xusto cando restaban escasos segundos para a súa finalización, Dava Torres púxose serio e logrou o 1-0 parcial grazas a unha gran xogada individual. O capitán celebrouno con rabia. Foi o marcador que chegou ó descanso.
A resposta do Igualada non bastou
Faltaba a reacción catalá, que foi unha realidade, pero non o suficiente. O segundo acto enchufou a un Martí Serra atento a dous disparos moi perigosos dos seus asaltantes, ambos desviados cos guantes. Si acertou novamente o Liceo, con algo de fortuna e Marc Carol como (de novo) protagonista involuntario. Jacobo Copa avanzou pola dereita, disparou e a bóla pegou no 32 visitante antes de entrar.
Roger Bars recortou distancias para o Igualada, aínda que Fabri recuperou rápido a vantaxe do Liceo
Só unha tarxeta azul vista por Ferruccio devolveu ó Igualada ó encontro. A falta directa executada por Marc Rouzé non atopou a rede. Si unha xogada posterior de Roger Bars (2-1, minuto 34).
Fabri Ciocale, cunha auténtica xenialidade individual, foi o que se encargou de pechar o asunto. Recibiu a bocha, fixo maxia para desfacerse de dous rivais e enchufouna na portería de Torrents. O choque morreu cando os igualadinos non lograron transformar un penalti posterior, neutralizado por Serra.
Agora para o Liceo toca afrontar unha nova semana de dous partidos: Oliveirense en Portugal (Champions, xoves ás 22:00h de España) e Sant Just en Cataluña (OK Liga, sábado ás 20:00h).
FICHA TÉCNICA
DEPORTIVO LICEO: Martí Serra; Nil Cervera, Arnau Xaus, César Carballeira, Dava Torres (quinteto inicial), Jacobo Copa, Fabri Ciocale, Tato Ferruccio, Jaime Méndez e Martín Rodríguez (meta suplente).
IGUALADA: Guillem Torrents; Marc Rouzé, Roger Bars, Marc Carol, Edu Fernández (quinteto inicial), Joan Ruano, Joel Roma, Guillem Llorens, Miguel Cañadillas e Ferran Busquets (meta suplente).
ÁRBITROS: Daniel Villar Costa e Jorge Carmena Ortega. Mostraron tarxeta azul a Tato Ferruccio por parte do Deportivo Liceo. Tamén viu a azul o visitante Marc Carol.
GOLES: 1-0 (Dava Torres, min. 17). 2-0 (Jacobo Copa, min. 33). 2-1 (Roger Bars, min. 34). 3-1 (Fabri Ciocale, min. 37).
INCIDENCIAS: Xornada 18 da OK Liga 24/25, Fase Regular. Pazo dos Deportes de Riazor (A Coruña).