CRÓNICA | Derrota ante o Benfica (4-2)

CRÓNICA | Derrota ante o Benfica (4-2)

Se algo caracteriza a pretempada do Liceo, tanto masculino como feminino, é a abundancia de probas de alto nivel. O equipo de Carlos Loureiro, apenas 12 horas despois de enfrontarse ó Sporting de Portugal, viuse as caras con outra gran pedra de toque: o Benfica, que logrou vencer por 4-2 no seu Pavilhão Fidelidade.

As xogadoras verdibrancas presentáronse sen María Sanjurjo e Isa Barros, aqueixadas de molestias físicas, pero anotaron o primeiro gol do partido nada máis empezar. Foi de Alba Garrote, unha das flamantes fichaxes do equipo para o seu regreso á OK Liga.

Pouco tardou o conxunto luso en demostrar a súa categoría, xa que remontou en cuestión de minutos. Maria Sofia, Marlene e Figueiredo foron as responsables de trocar ese 0-1 en 3-1. Non manchou o serio partido do Deportivo Liceo, capaz de recompoñerse de sendos golpes.

A segunda metade trouxo un gol para cada contendente. O primeiro foi do Benfica, obra de Raquel Santos, aínda que as liceístas non se renderon e continuaron aproveitando semellante rodaxe. Recurtaron distancias por medio de Lucía Yáñez, outra das incorporacións do equipo. Finalmente, o 4-2 campou nun Pavilhão Fidelidade que acolleu hockey a porta pechada.

FICHA TÉCNICA

BENFICA: Maria Vieira; Maria Sofia Silva, Marlene Sousa, Beatriz Figueiredo, Raquel Santos (quinteto inicial), Macarena Ramos, Catalina Flores, Sofia Contreiras e Catarina Pedro.

DEPORTIVO LICEO: Viki Caretta; Ale Martín, Cris Diz, Alba Garrote, Naiara Vaamonde (quinteto inicial), Andrea Ojeda, Luchy Paz, Lucía Yáñez, Lara Yáñez e Katy Guscin.

GOLES: 0-1 (Alba Garrote, min. 1). 1-1 (Maria Sofia Silva, min. 2). 2-1 (Marlene Sousa, min. 3). 3-1 (Beatriz Figueiredo, min. 4). 4-1 (Raquel Santos, min. 30). 4-2 (Lucía Yáñez, min. 33).

Pavilhão Fidelidade (Lisboa). Porta pechada.

Deixa un comentario