CRÓNICA WSE CHAMPIONS LEAGUE (X1) | Estrea negativa (8-2)

CRÓNICA WSE CHAMPIONS LEAGUE (X1) | Estrea negativa (8-2)

30 de novembro de 2023


O Deportivo Liceo cae ante o Barcelona na primeira xornada da máxima competición europea.

O segundo Clásico da semana tampouco deixou boas novas. A derrota sufrida na OK Liga tivo réplica na estrea da WSE Champions League, máxima competición do hockey a nivel europeo. O Barcelona venceu ó Deportivo Liceo na primeira xornada, aínda que a Juan Copa e ós seus xogadores todavía lles restan cinco para buscar a clasificación.

A próxima proba celebrarase na Coruña o xoves 14 de decembro, cando o Barcelos portugués visite o Pazo dos Deportes de Riazor.

Un mal inicio obrigou a remar desde o principio

Non tiveron fortuna os verdibrancos (todavía cunha lista de nove) nada máis escoitar o asubío inicial. Ós cinco minutos, Ignacio Alabart e Marc Grau xa colocaran un 2-0 favorable ó equipo de Edu Castro: o primeiro cun disparo lonxano e o segundo rematando un pase de Rodrigues desde a dereita. Ambos superaron a Tiago Rodrigues, hoxe titular en lugar de Serra.

O Deportivo Liceo regresará á Champions o vindeiro 14 de decembro, cando o Barcelos visite Riazor

O ataque liceísta non xerou inicialmente o suficiente perigo na defensa catalana, liderada esta vez polo meta Sergi Fernández. Empezou a logralo no minuto 13, cando un activo Tomás Pereira probou ó veterano porteiro coa súa especialidade: o disparo lonxano. Animou ó Liceo, que o intentou en máis ocasións.

Desafortunadamente, João Rodrigues dobrou a vantaxe (4-0) con dous goles seguidos no minuto 18. O potencial local apareceu. Alcanzaría o hat trick no 22, cando transformou un penalti cometido por Sito sobre Eloi Cervera (5-0).

O Liceo achegouse á épica ante un Barça que reaccionou

O comezo da segunda metade deixou boas novas para os xogadores de Juan Copa. Lograron dous goles no minuto 28. Primeiro mediante Tomás (directa tras unha azul a Barroso) e xusto despois grazas a Dava Torres (xogada individual). A gran oportunidade chegou nunha pena máxima sobre Sito Ricart, pero Sergi Fernández salvou ó Barça. Unha das xogadas que marcaron o choque.

Sergi Fernández foi chave coa parada do penalti no minuto 35. Imaxe: FC BARCELONA.

Tras ela, os locais reaccionaron e lograron máis goles: Xavi Barroso, Pau Bargalló e Rodrigues para completar o 8-2 definitivo.

Punto e aparte para fixarse na seguinte proba do Deportivo Liceo: a visita do Reus Deportiu nunha nova xornada de OK Liga (domingo 3, 12:00h).

FICHA TÉCNICA

BARÇA: Sergi Fernández; Ignacio Alabart, Pau Bargalló, Marc Grau, João Rodrigues (quinteto inicial), Miki Escala, Xavi Barroso, Sergi Llorca, Eloi Cervera e Carles Grau (meta suplente).

DEPORTIVO LICEO: Tiago Rodrigues; Sito Ricart, César Carballeira, Dava Torres, Pablo Cancela (quinteto inicial), Fabri Ciocale, Tomás Pereira, Fran Torres e Martí Serra (meta suplente).

ÁRBITROS: Rui Torres e Porfírio Fernandes (Portugal). Mostraron tarxeta azul a Eloi Cervera (Barça) e a Fran Torres (Deportivo Liceo).

GOLES: 1-0 (Ignacio Alabart, min. 3). 2-0 (Marc Grau, min. 5). 3-0 (João Rodrigues, min. 18). 4-0 (João Rodrigues, min. 18). 5-0 (João Rodrigues de penalti, min. 22). 5-1 (Tomás Pereira, min. 28). 5-2 (Dava Torres, min. 28). 6-2 (Xavi Barroso, min. 37). 7-2 (Pau Bargalló, min. 43). 8-2 (João Rodrigues, min. 50).

WSE Champions League 23/24. Xornada 1 da Fase de Grupos. Palau Blaugrana (Barcelona).

Deixa un comentario