CRÓNICA | Máis líder (1-3)

CRÓNICA | Máis líder (1-3)

Poucos triunfos máis importantes que este. O Deportivo Liceo saíu máis líder da pista do CP Alcorcón, propietario da segunda praza da OK Prata Feminina, despois de vencer por 1-3. Xa son 23 puntos (sete de vantaxe cun partido máis) e unha quenda de imbatibilidade que dura nove xornadas.

Aínda así, de pouco podía fiarse o equipo dirixido por Carlos Loureiro. Ante el atopábase o cadro máis realizador da categoría, así que non cabía desconcentración posible. O mando do partido foi liceísta nos primeiros minutos, pero o Alcorcón avisou da súa peligrosidade mediante contraataques. A ocasión máis clara das locais foi para Marina Monge, cara a cara contra Katy Guscin nun duelo que se saldou coa gardameta como gañadora.

Non foi a única vez na que Katy, responsable dun gran partido, tivo que neutralizar a Monge. O Alcorcón apretou e rozou novamente o 1-0 mediante ela mesma e Anna Carranza, pero o gol non chegou. O Deportivo Liceo non foi menos, pero a actuación da gardameta verdibranca foi replicada por Patricia Sanz. Polo menos ata que Naiara Vaamonde decidiu poñer o 0-1 a poucos minutos do descanso.

Unha reacción para o recordo

A igualdade aínda foi a raíña no Prado de Santo Domingo cando chegou a segunda metade. Ambos contendentes atacáronse mutuamente, estando Naiara a punto de dobrar a súa conta de goles e a vantaxe do seu equipo. A súa definición, a menos dun metro de Sanz, foi detida pola novísima meta madrileña.

Carolina Monedero respondeu cun disparo ó ferro de Katy cando restaba un cuarto de hora, pero foi Monge quen logrou empatar (1-1) cinco minutos despois. A reacción liceísta foi inmellorable. Tras escasas xogadas, Ale Martín recuperou o triunfo parcial cun golazo lonxano (1-2). Luchy Paz, segundos despois, colocou o seguro (1-3). Así rematou.

Tras esta importante vitoria, o Deportivo Liceo vivirá un pequeno descanso que rematará o día 30 de maio. Nesa data tocará visitar ó UDC Rochapea.

FICHA TÉCNICA

CP ALCORCÓN: Patricia Sanz, Anna Carranza, Carlota Antúnez, Carolina Monedero, Marina Monge (quinteto inicial), Gabriela Delgado, Paula Manso e Celia Montero.

DEPORTIVO LICEO: Katy Guscin, Ale Martín, Beatriz Gaete, Luchy Paz, Cris Diz (quinteto inicial), Andrea Ojeda, Naiara Vaamonde e Isa Barros.

ÁRBITRO: Martínez Fernández. Sen cartóns.

GOLES: 0-1 (Naiara Vaamonde, min. 21). 1-1 (Marina Monge, min. 40). 1-2 (Ale Martín, min. 41). 1-3 (Luchy Paz, min. 41).

INCIDENCIAS: Partido correspondente á xornada 9 da OK Prata Feminina 20/21. Prado de Santo Domingo.

Deixa un comentario