CRÓNICA #OKLiga (X14) | Un minuto máxico para gañar en Alcoi (0-4)

CRÓNICA #OKLiga (X14) | Un minuto máxico para gañar en Alcoi (0-4)

18 de xaneiro de 2025


Os de Juan Copa completan un gran partido ofensivo e defensivo para empezar a segunda volta do mellor xeito.

No seu día gañouse ó Alcoi para comezar de maneira inmellorable a primeira volta. Agora tamén a segunda. O Liceo de Juan Copa completou un encontro de moita seriedade, tanto en ataque como en defensa, para sumar tres novos puntos (total de 30) e manterse unha semana máis na segunda praza da Fase Regular.

Aínda que o conxunto dirixido por Lorenzo Pastor saíu á pista con moito ímpeto, as ocasións máis claras tiveron case sempre cor verdibranca: Dava Torres, tralo arrinque inicial local, puxo a proba ó meta Marc Grau ‘Guiri’ ata en tres ocasións. Que ningunha acabase en gol ofreceu moi pouca explicación. De todas formas, foi un preludio do que estaba por vir.

Dominio dos porteiros

O posible 0-1 tamén rondou o stick de Bruno Saavedra nunha xogada providencial. Os liceístas lograron xerar un contragolpe de tres atacantes contra un só defensor e a bóla chegou ó número 13, que volveu atoparse co bo facer de Guiri. Sen dúbida, a personalidade clave do Alcoi nos primeiros 25 minutos.

Guiri, o meta local, mantivo ós seus ata que o Liceo se impuxo na segunda metade

Caco Ceschin tamén gozou dun achegamento perigoso á área dos de Juan Copa, aínda que o que se impuxo desta volta foi o homólogo de Grau: Martí Serra, hábil para manter a súa portería a cero na acción inaugural. Unha acción que rematou sen gol algún para os presentes.

O golpe na mesa

Os froitos do traballo visitante chegaron na segunda metade e non houbo que esperar moito para velos. Apenas dous minutos foron necesarios para presenciar 60 segundos máxicos, cunha parella de goles que inclinaron o partido case na súa totalidade. César Carballeira (tras un excelente pase de Dava) e Arnau Xaus colocaron o 0-2 parcial no que durou unha serie de pestanexos do Alcoi.

César e Xaus asinaron sendos dobretes para darlle o triunfo ó equipo

Clave foi tamén o acerto de Serra na única bóla parada que tiveron os alcoianos, obra dun teórico especialista como Ceschin. O 10 liceísta detívoa levantando o pé para manter o cero na súa portería, que finalmente sobreviviría ós 50 minutos. No que quedaba de tempo houbo marxe para a dobre sentenza cos mesmos responsables: César e Xaus, tamén nun único minuto 47.

Final feliz e agora semana natural para preparar o seguinte duelo: a visita do Lleida ó Pazo dos Deportes (domingo 26, 12:00 h).

FICHA TÉCNICA

PAS ALCOI: Marc Grau; Ferran Formatjé, Agustín Domínguez, Gonzalo Pérez, Caco Ceschin (quinteto inicial), Álvaro Osorio, Pablo del Río, Joan Pascual, Manel Hernández e Joan Oltra (meta suplente).

DEPORTIVO LICEO: Martí Serra; Nil Cervera, Arnau Xaus, César Carballeira, Dava Torres (quinteto inicial), Jacobo Copa, Fabri Ciocale, Bruno Saavedra e Martín Rodríguez (meta suplente).

ÁRBITROS: Josep Antoni Ribó Navarro e Raúl Burgos Manotas. Mostraron tarxeta azul ó local Agustín Domínguez por dúas veces.

GOLES: 0-1 (César Carballeira, min. 27). 0-2 (Arnau Xaus, min. 27). 0-3 (César Carballeira, min. 46). 0-4 (Arnau Xaus, min. 47).

INCIDENCIAS: Xornada 14 da OK Liga 24/25, Fase Regular. Polideportivo Francisco Laporta (Alcoi).

Deixa un comentario